Política Lingüística convoca prazas nos lectorados de galego de 14 universidades de Europa e de América

Trátase da convocatoria máis ampla dos últimos anos e inclúe a creación do lectorado de Leipzig, en Alemaña

Lun, 28/06/2010 - 14:40

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas dun total de 14 universidades, 11 en países de Europa e tres no continente americano. No caso de España, trátase dos lectorados da Universidade Autónoma de Barcelona, da Universidade de Estremadura e mais da Universidade de Salamanca. En Alemaña convócanse prazas para un total de catro lectorados: os de Berlín, Tubinga, Kiel e Leipzig. O resto de lectorados europeos son o da Universidade de Gales, en Bangor (Reino Unido); o da Universidade de Varsovia, en Polonia; o da Universidade de Nova Lisboa, en Portugal; e mais o da Universidade de Zádar, en Croacia.

Respecto dos lectorados de América, dúas das prazas convócanse en Brasil, concretamente na Universidade do Estado de Río de Janeiro e na Universidade de São Paulo. Finalmente, convócase unha praza para o lectorado da Universidade da República, situada na capital de Uruguai.

Esta convocatoria de Política Lingüística, cun total de 14 prazas, é a máis ampla das realizadas nos últimos anos e inclúe, ademais, un lectorado de nova creación na Universidade de Leipzig.

Destinatarios e prazo de solicitude

A convocatoria está dirixida a licenciados en filoloxía galega, en filoloxía hispánica (subsección de galego-portugués) ou en filoloxía románica –sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego–. Tamén poderán participar os licenciados en tradución e interpretación, que optarán unicamente ás prazas para os lectorados localizados en Alemaña, Reino Unido, Polonia, Croacia e Francia.

Os interesados nesta convocatoria poderán presentar as súas solicitudes ata o 26 de xullo.

Máis de 1.500 alumnos estudaron galego nas universidades con lectorado

A través de convenios con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta na actualidade cun total de 44 centros de estudos galegos noutros tantos países de Europa e de América. Trátase de órganos de referencia nestas universidades, mediante os que se canaliza un importante labor de difusión da lingua propia de Galicia.

A maioría destes centros refórzanse coa presenza dun lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas no ámbito académico e mais na súa área de influencia.

No curso académico 2009-2010, un total de 1.540 alumnos e alumnas estudaron a lingua propia de Galicia nas 33 universidades que contan con lectorado de galego, situadas en España, Alemaña, Brasil, Cuba, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Uruguai e Croacia. Destes 1.540 alumnos, 963 estudaron galego nos 10 lectorados de universidades españolas. No resto de Europa, os matriculados ascenderon a 487, mentres que en universidades de América con lectorado de galego estudaron esta lingua un total de 90 persoas.

Un novo pulo á proxección exterior do galego e á investigación

A través desta convocatoria de prazas en 14 lectorados de galego, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pretende impulsar a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial.

Esta iniciativa incide, ademais, nun dos obxectivos marcados no Plan xeral de normalización da lingua galega para a proxección exterior do galego, como é o de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.

Menús News node R

Colectivo