Vázquez Abad reúnese con especialistas de 13 países nun programa de visita de estudos centrado na formación ao longo da vida

Están a participar no programa ‘Fostering Lifelong Learning through European International Programmes’, organizado pola Xunta de Galicia

Ao longo de catro días, os expertos visitarán diversos centros educativos da comunidade e coñecerán de primeira man os programas europeos levados a cabo nos mesmos

Mar, 28/01/2014 - 11:58
Vázquez Abad reúnese con especialistas de 13 países nun programa de visita de es
Vázquez Abad reúnese con especialistas de 13 países nun programa de visita de estudos centrado na formación ao longo da vida

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo hoxe un encontro cos participantes do programa de visita de estudos ‘Fostering Lifelong Learning through European International Programmes’, que reúne ao longo de catro días a 14 expertos de 13 países europeos.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, Juan Durán. Os docentes, cuxa estadía se prolongará ata o vindeiro día 30, o grupo de expertos visitará diversos centros da nosa comunidade, entre eles o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago no que hoxe se reuniron co conselleiro. Ademais visitaran o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, o CPI O Cruce de Cerceda, a EOI da Coruña a EPA de Teixeiro e o IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.

Nos devanditos centros os visitantes internacionais terán a oportunidade de coñecer de primeira man algúns dos principais programas educativos europeos que se levan a cabo na nosa comunidade: asociacións Comenius, mobilidade do alumnado do devandito programa Comenius, mobilidades Leonardo e Erasmus, así como outras accións desenvoltas a través do Programa de Aprendizaxe Permanente.

Ademais, os participantes abordarán mediante relatorios e mesas redondas o tema da formación ao longo da vida a través dos programas europeos. Neste sentido, ‘Fostering Lifelong Learning through European International Programmes’ busca ser tamén un foro idóneo para o intercambio de información, procedementos e boas prácticas sobre o futuro e a natureza dos programas educativos europeos.

Premio ás visitas de estudos

Encontros como este, impulsados e organizados pola Consellería de Cultura e Educación foron recoñecidos a semana pasada co galardón que o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (APEE) lle outorgou pola calidade no Programa de Aprendizaxe Permanente en centros, no relativo ás visitas de estudos.