A Consellería continúa apoiando durante o Nadal o fomento da lectura, co progama "Hora de ler"

Nas distintas iniciativas lévanse investidos máis de 60.000 euros que benefician máis de 4.500 nenos e nenas

Mér, 23/12/2009 - 14:28
Fomento da lectura: "Hora de ler"
Fomento da lectura: "Hora de ler"

Ao longo do Nadal a Consellería de Educación e Ordenación Educativa continúa co seu labor en prol da lectura, especialmente con aqueles que teñen que pasar estas datas en centros hospitalarios.

O reparto de "mochilas hospitalarias" está incluída dentro do programa de impulso a lectura "Hora de ler" sobre a que o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, sinalou que "estes presentes serán unha compañía para os máis de 250 nenos e nenas que se vexan obrigados a permanecer no hospital nos días de Nadal". Na operación, desembolsáronse preto de 15.000 euros e os libros foron seleccionados conforme a uns criterios de calidade e acordes ás idade dos receptores. Trátase dun agasallo co que segundo Pinal Rodríguez "preténdese contribuír a facer máis grata está época para os rapaces, e que atopen na lectura unha forma de evadirse".

As mochilas viaxan polos fogares galegos

As "mochilas hospitalarias" inclúense dentro do programa "Hora de ler", no que tamén se encadran as "Mochilas viaxeiras". Esta última desenvolvese nos colexios, que desde a biblioteca escolar, organizan actividades que implican ás familias, e proporcionan un motivo de encontro entre os membros desta, utilizando a lectura como medio.

No proxecto "Mochilas viaxeiras" téñense invertidos 42.566 euros, que permitiron repartir, ata o momento, máis de 4.500 bolsas, en centro públicos tanto de primaria como de secundaria. Grazas a isto os rapaces e rapazas levan ás súas casas, en préstamo temporal e de forma rotatoria,un pequeno lote de libros e outros soportes, adaptados ao seu nivel de idade e aos intereses do alumno e das súas familias. A carteira pode conter materiais diversos, pensando nos distintos membros da familia: contos, cómics, libros de receitas, de xardinería, de saúde ou educación, ou revistas sobre deportes. Tamén inclúen unha película ou un documental divulgativo, un CD de música, ou un xogo de ordenador de carácter didáctico.

Trátase dunha iniciativa que está a recadar moito éxito, especialmente na zona do rural, onde as familias valoran positivamente a iniciativa de achegarlles o material, tal e como queda reflectido no seus escritos nos diario de mochila., incluídos en cada unha das bolsas dos estudantes.

Iniciativas en prol da lectura

Ademais moitas bibliotecas escolares galegas editan estes días guías de lectura con recomendacións de libros, películas ou discos, para pequenos e maiores, co fin de difundir o hábito lector e orientar ás familias na adquisición de materiais de calidade, facilitando así a súa participación na formación dos lectores e lectoras. As bibliotecas difunden a través dos seus blogues estas guías, que tamén poden consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog, un dos espazos web que a Consellería pon a disposición da comunidade educativa para a difusión de informacións e materiais elaborados polos centros, relacionados coa lectura e o funcionamento das bibliotecas dos centros educativos.

Mellora dos recursos para as bibliotecas

O Ministerio de Educación recoñece a labor desenvolvida pola Consellería para xerar interese en torno á lectura. De tal xeito que no 2009 cinco centros escolares resultaron galardoados cos Premios do `Concurso Nacional de buenas prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas escolares¿, polos seus espazos de lectura. Os CEIP Frián- Teis, de Vigo; o CRA Mestre Manuel Garcés, de Tomiño e o CEIP A Pedra, de Bueu, recibirán 7.000 euros cada un. Mentres que os centros de educación secundaria Sanxenso percibirán 10.000 euros, e o de Catabois, en Ferrol, será recoñecido con 7.000 euros.

O traballo da Consellería, por dotar dos mellores recursos as bibliotecas escolares, xa se recoñeceu en setembro, ao resultar galardoados tres centros escolares galegos co premio do mesmo Concurso Nacional de 2008.

Estratexia en prol da lectura

Co propósito de acadar óptimas competencias lectoras en todos os escolares, a Consellería desenvolve varios programas. Este curso, a administración educativa galega destinou máis de 1 millón de euros na mellora ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, grazas ao que 299 centros públicos poderán gozar de fondos renovados, tanto en formato papel como electrónico ou audiovisual. Estas axudas servirán tamén para adquirir mobiliario específico, mellorar o equipamento audiovisual e informático da biblioteca, e para gastos de funcionamento.

Ademais, os centros públicos de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, recibiron 130.000 euros en axudas para o funcionamento de Clubs de Lectura, elemento de probado éxito no fomento deste hábito entre os escolares. Non é de estrañar, polo tanto, que o esforzo que fai a Consellería para lograr facer dos libros un compañeiro habitual do alumnado sexa recoñecido por diversas institucións no Estado, tal e como demostran os galardóns recibidos, e o éxito das Xornadas de Bibliotecas Escolares celebradas o pasado mes de outubro.

Menús News node R