O conselleiro de Cultura e Educación inaugura en Cangas as ‘Xornadas TDAH: Actuacións de Coordinación Interinstitucional e Intervención Educativa’

Xesús Vázquez Abad anunciou que a Xunta de Galicia está preparando un protocolo específico de identificación e tratamento psicoeducativo para o alumnado con Trastorno por déficit de atención e/ou hiperactividade

Segundo o conselleiro o obxectivo deste protocolo é “garantir que estes estudantes reciban unha educación de calidade, na que a atención e o tratamento se adecúen ás necesidades particulares”

Ven, 24/01/2014 - 17:00
 O conselleiro de Cultura e Educación inaugura en Cangas as ‘Xornadas TDAH: Actu
O conselleiro de Cultura e Educación inaugura en Cangas as ‘Xornadas TDAH: Actuacións de Coordinación Interinstitucional e Intervención Educativa’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as ‘Xornadas TDAH: Actuacións de Coordinación Interinstitucional e Intervención Educativa’, que se celebran hoxe e mañá sábado en Cangas do Morrazo. Durante a súa intervención, Vázquez Abad comunicoulle aos asistentes a estas xornadas que a Consellerías de Educación, en colaboración coa Consellería de Sanidade, está preparando un protocolo específico de identificación e tratamento psicoeducativo para o alumnado con TDAH (Trastorno por déficit de atención e/ou hiperactividade).

Segundo o conselleiro, “este documento vai orientado á atención deste alumnado na escola e na familia, desde a súa identificación e o correspondente tratamento psicoeducativo, ata, de ser o caso, a súa derivación, por medio da familia, aos servizos sociosanitarios cando se entenda necesario”. “Con este protocolo a Consellería busca garantir para estes estudantes unha educación de calidade, na que a atención e o tratamento se adecúen ás súas necesidades particulares”, asegurou.

Asemade, o conselleiro cualificou a diversidade como “un elemento enriquecedor, que vai contribuír a promover unha sociedade máis xusta, froito de ter recibido unha atención educativa de calidade, en contornos de inclusión, de integración e de normalidade”. “Para isto, requírense tres elementos fundamentais: detección temperá, medidas preventivas e intervencións personalizadas”, engadiu.

Por último, Vázquez Abad agradeceu a implicación dos Servizos Sanitarios Educativos e Servizos Sociais nas actuacións e tratamento do alumnado con TDAH, así como de todo o profesorado, os profesionais dos departamentos de orientación, os equipos directivos dos centros, e todos os que viven, valoran e colaboran nesta iniciativa.

Ao acto asistiron, ademais, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, Ángeles Feijoo-Montenegro; o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo; a representante da Deputación de Pontevedra, Begoña Estévez; e diferentes representantes das comunidades sanitaria e educativa.

Completo programa

Unha vez rematada a intervención do conselleiro, o catedrático de medicina legal da USC, Ángel Carracedo, impartirá a conferencia inaugural. Ao longo da tarde tamén intervirán o xefe de departamento de orientación dos CEIP A Rúa e CEIP do Hio de Cangas, Xosé Manuel Vidal Bouzó, para presentar as estatísticas sobre a incidencia do TDAH na comarca do Morrazo.

Pola súa banda, o xefe de departamento de orientación do CEIP San Roque de Darbo de Cangas, José Antonio Area Santiago, encargarase de dirixir unha mesa redonda onde participarán varios técnicos dos servizos sociais, inspección educativa e departamento de orientación.

Mañá sábado, Carolina Castellano, do Centro CADE de Madrid, impartirá a conferencia ‘A repercusión do modelo educativo español nas funcións educativas do alumnado con TDAH’. Ademais, pola tarde desenvolveranse varios talleres onde se abordarán a problemática e as pautas de intervención en Educación Infantil, Primaria e Secundaria en relación co TDAH.