O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento de 5,8 millóns de euros para a ampliación e reforma do CIFP As Mercedes, en Lugo

Ao abeiro destas melloras a superficie do centro incrementarase nun 23% e suporá a incorporación ao centro de dous novos espazos: a aula multimedia e o viveiro de empresas

Para o 2014 xa hai un partida reservada de máis de 1,4 millóns

O obxectivo é adaptar o centro para mellorar a oferta nas 4 familias de formación profesional que imparte, a medida que a Consellería vai incrementando o número de ciclos nas Mercedes tras a súa conversión en centro integrado

Cómpre lembrar que xa este curso, o primeiro como CIFP, o centro conta con 3 novos ciclos e máis de 100 novas prazas en primeiro curso

Mér, 22/01/2014 - 13:15
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá en Lugo o proxecto de ampliación e reforma do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá en Lugo o proxecto de ampliación e reforma do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, que suporá un investimento de 5,8 millóns de euros a través dun programa de obras que se executará en 4 fases e coa que a superficie total do centro se incrementará nun 23%. Ademais, do novo edificio máis dun 50% será totalmente nova, e o resto estará reformada. De feito, tal e como explicou, xa hai unha partida reservada, de máis de 1,4 millóns, para a execución no 2014 da primeira fase dos traballos, ao abeiro do que se avanzará nos traballos de construción de novos talleres na planta baixa e de aulas no primeiro andar.

A superficie de nova construción será de máis de 5.000 metros cadrados, mentres que outros 3.500 se reformarán. O 53% do espazo total do CIFP dedicarase a espazos para a impartición de clases –talleres e aulas– nas familias profesionais que acolle o centro: Transporte e mantemento de vehículos, Instalacións e mantemento, Enerxía e auga e Comercio e márketing. Ademais a reforma suporá a incorporación ao centro de dous novos espazos: a aula multimedia e o viveiro de empresas. Así, a cidade de Lugo contará co seu segundo viveiro de empresa, xunto co do CIFP Politécnico, un espazo que os titulados das ensinanzas postobrigatorias poden utilizar de forma gratuíta durante dous anos para desenvolver os seus proxectos de empresa, recibindo ademais asesoramento.

O obxectivo é adaptar o centro para acoller 4 familias de formación profesional, a medida que a Consellería vai incrementando a oferta de ciclos nas Mercedes tras a súa conversión en centro integrado. De feito, xa este curso, o primeiro como CIFP, o centro conta máis de 100 novas prazas en primeiro curso e con 3 novos ciclos, en concreto os de grao superior de Transporte e Loxística –na modalidade a distancia e, na modalidade presencial–, os ciclos de grao superior en Márketing e publicidade, e o de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e fluídos.

Ademais no 2013 a Consellería destinou preto de 80.000 euros nas Mercedes para melloras das infraestruturas e equipamento educativo, cunha dotación de máis de 80 novos equipos informáticos.

Programación de obras

Segundo explicou o conselleiro o programa de obras consiste na construción de aulas e talleres para acoller as familias de Formación Profesional e redistribución de servizos e área administrativa do centro existente. Así, na planta semisoto quedará situados o salón de actos, almacén xeral e zonas de servizos, cunha superficie total de 521,40m² construídos, dos que 425,77m² serán de nova execución.

Na planta baixa disporanse a zona de administración e profesorado, aulas e talleres da familia de transporte e mantemento de vehículos e de instalacións e mantemento, así como aula multimedia, viveiro de empresas, biblioteca, cafetería e servizos comúns. Isto supón unha actuación en superficie de 4.442,70 m² construídos, dos que 3.351,37 m² son de nova execución, ademais da edificación auxiliar existente, destinada a servizos cunha superficie de 245,81 m².

O primeiro andar destinarase a un taller de xestión e loxística - familia de Transporte e mantemento de vehículos-  así como aulas e talleres das familias de instalación e mantemento e de enerxía e auga. Neste nivel 1.277,63 m² do total de 2.296,13 m² serán de nova execución. No caso do segundo andar, reformarase a superficie dispoñible, de 1.018,50 m² para situar nela a familia de comercio e marketing.

A reforma busca agrupar ao máximo posible as aulas e talleres destinados a unha mesma familia profesional favorecendo unha circulación ordenada no centro, sinxela e lóxica para os usuarios. Ademais, os talleres de maiores dimensións e con instalacións especiais situaranse na planta baixa do centro para permitir o acceso directo desde o exterior, tanto peonil como rodado, de tal forma que teñan tamén iluminación cenital en toda a súa superficie. Nesta mesma planta atoparanse a cafetería e a biblioteca, este último un espazo de nova construción que leva recibido unha achega da Consellería de preto de 7.500 euros para o desenvolvemento de diferentes iniciativas de fomento da lectura. O resto das aulas e aqueles talleres que pola súa configuración o permitan, distribuiranse no primeiro e segundo andar, agrupadas por familias e claramente identificables.

Un centro de referencia

Tal e como sinalou o conselleiro estas melloras contribuirán ao reforzo das Mercedes como un centro de referencia na comarca pola calidade das súas ensinanzas de FP. Neste sentido cómpre lembrar que o pasado ano este centro lucense gañou a 1ª competición de Eficiencia Enerxética na Formación Profesional –convocada por Schneider Electric e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte– pola implantación no centro do sistema de eficiencia enerxética.

O centro integrado, no que estudan máis de 500 alumnas e alumnos, contará de feito cunha Aula Schneider con equipamento de vangarda no ámbito da distribución eléctrica, a automatización e o control industrial, eidos que obrigan a unha actualización constante dos coñecementos e dos equipos empregados con tal fin.