O proxecto educativo ‘Fala Londres’, a través do que a Consellería de Cultura e Educación promove o uso do galego no exterior, acada un novo recoñecemento

Fala Londres, unha iniciativa de dinamización, acción e intervención educativa e cultural en galego do Instituto Español Vicente Cañada Blanch, acaba de ser premiado na Convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié

Fala Londres emprega as tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta para promover a aprendizaxe, para incentivar a participación de toda a comunidade educativa e para dignificar e promover entre os galegos de Londres o aprecio e o uso da lingua galega

O instituto Vicente Cañada Blanch de Londres é un dos centros de ensino preuniversitario de fóra de Galicia onde se oferta a materia de lingua galega grazas a un convenio asinado entre o Ministerio a Consellería de Cultura e Educación

Dom, 19/01/2014 - 11:00
Imaxes de alumnado de galego do instituto londinense Cañada Blanch en actividade
Alumnado de galego do instituto londinense Cañada Blanch en actividades de dinamización lingüística do proxecto Fala Londres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da cal a Consellería de Cultura e Educación fai posible o ensino da lingua galega no Insituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, fai pública a súa satisfacción polo novo recoñecemento do proxecto educativo Fala Londres, creado polo profesor de galego do centro, Xaime Varela.

Fala Londres, que foi premiado pola Fundación Barrié na modalidade de proxectos de centro da súa Convocatoria de proxectos escolares, emprega as ferramentas da web 2.0. para promover a aprendizaxe do galego, a integración e a valoración do idioma propio de Galicia. Nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a enorme actividade que se desenvolve no instituto londinense Vicente Cañada Blanch arredor da área de lingua galega ao tempo que se incentiva a participación de toda a comunidade educativa e mais da comunidade galega residente na capital do Reino Unido, entre a que se fai un labor de promoción do idioma propio de Galicia.

A iniciativa do profesor Varela suma este recoñecemento ao de “Boa prácTICa 2.0.” que lle outorgou no ano 2012 o Instituto Nacional de Tecnologías educativas y de Formación del Profesorado (INTEF) por contribuír á incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

Galego no exterior

Xaime Varela, impulsor do blog Fala Londres, imparte docencia de galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch grazas a un convenio de colaboración vixente dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo.

O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires- é un dos centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Estes colexios responden ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación non galega.

Convocatoria de proxectos escolares

A Convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié responde ao obxectivo de estimular e recoñecer a tarefa do profesorado, dos centros e doutros axentes do sistema educativo de Galicia. Na presente edición, estableceu tres modalidades –proxectos intercentros, proxectos de centro e proxecto colaborativo en que participe un colexio e unha entidade sen ánimo de lucro- e outorgou cinco premios.

Ademais do Instituto Español Vicente Cañada Blanch, premiado por Fala Londres, foron recoñecidos polos seus proxectos o CPR San José de Pontedeume, o CIFP A Xunqueira (coa Asociación Amencer ASPACE), o IES David Buján de Cambre (en colaboración con diversos centros estranxeiros) e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (xunto coa Asociación Cultural Xermolos e o Grupo de Investigación de Pedagoxía, Historia e Sociedade da Universidade da Coruña).

Menús News node R