Anxo Lorenzo incide nas claves da política lingüística galega para o século XXI no Liceo de Ourense

O secretario xeral participou no ciclo de conferencias Atlántida e centrou o seu relatorio nos principais factores do proceso de recuperación da lingua galega

Xov, 24/06/2010 - 21:00

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe no ciclo de conferencias Atlándida, un foro reflexión e debate promovido polo Instituto Ourensán de Estudos Sociais e Políticos “Atlántida”.

O relatorio do secretario xeral, que se centrou nos Esteos da política lingüística en Galicia para o século XXI, tivo lugar no Liceo de Ourense. Ao acto asistiron, entre outras personalidades, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez.

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo expuxo unha serie de reflexións acerca das linguas, das políticas lingüísticas e do idioma galego, ao que se referiu “como unha lingua das pequenas con máis fortalezas”. “Polo tanto –dixo– o seu diagnóstico non pode ser, nin moito menos, pesimista: ten que ser realista, que teña en conta os puntos fortes e as posibilidades e, ao mesmo tempo, as feblezas, como calquera outra lingua que se fala no planeta”.

Claves do proceso de recuperación do galego

O secretario xeral fixo especial fincapé, por unha banda, nos aspectos que deben estar na base do proceso de recuperación do galego e, por outra, en como se poden xestionar os ditos procesos recuperadores.

Respecto da primeira cuestión, o responsable de Política Lingüística incidiu en que o proceso de recuperación do galego se debe dirixir a afianzar o prestixio social da lingua galega e dos grupos sociais galegófonos. Para acadar este obxectivo, Anxo Lorenzo expuxo unha serie de factores fundamentais. En primeiro lugar, destacou a necesidade de manter o número de galegofalantes. En segundo lugar, apostou polos neofalantes como outra das claves deste proceso, “para os que é necesario desenvolver un discurso positivo que poña en valor o seu papel como usuarios e usuarias do galego”, dixo.

O secretario xeral tamén salientou, en terceiro lugar, a importancia dos ámbitos urbanos. E, finalmente, considerou a participación e a implicación das elites económicas, sociais e empresariais como o cuarto factor fundamental do proceso recuperador do galego.

O importante papel da cidadanía

En canto á cuestión de como implementar e incorporar todos estes aspectos na xestión lingüística, Anxo Lorenzo incidiu na “necesidade de desenvolver un percorrido revitalizador propio, aprendendo dos demais e considerando o que se fai noutras partes do mundo, pero cun enfoque propio e independente”. Ao mesmo tempo, destacou que, máis alá do papel dos poderes políticos e das institucións públicas, unha das claves da recuperación está en garantir a reprodución lingüística, algo que é responsabilidade última dunha cidadanía informada, implicada e lingüisticamente dinamizada”.

Finalmente, o secretario xeral referiuse á sociedade galega como “o motor dunha enorme transformación que favoreceu a posta en práctica de iniciativas moi diversas encamiñadas a estender a presenza do galego a todo tipo de ámbitos posibles, e a dignificala e rehabilitala” na procura de maiores niveis de visibilidade pública.

Menús News node R