A Consellería de Educación e a USC colaboran no desenvolvemento da investigación sobre lingua galega

Ambas as entidades asinarán un convenio para apoiar os proxectos que ten en marcha o Instituto da Lingua Galega, por importe de 156.688 euros

Xov, 24/06/2010 - 14:40

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela asinarán un convenio de colaboración para continuar co programa de actuacións en materia de investigación lingüística para o ano 2010, a través do Instituto da Lingua Galega (ILG). O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura deste convenio, que servirá para dar impulso á dinamización do galego e ao desenvolvemento da investigación sobre esta lingua.

Ao abeiro deste convenio –por importe de 156.688 euros-, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a USC impulsarán o programa de actuacións en materia de investigación lingüística que ten en marcha o ILG. Trátase, en primeiro lugar, da elaboración de novos volumes do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), así como da presentación da páxina web deste proxecto, que acollerá e difundirá información xeral e os seus materiais básicos. Ao mesmo tempo, o obxecto do convenio incide na actualización da base de datos lexicográfica para un dicionario da lingua galega, así como no mantemento e na mellora do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), a través do que se consulta a mencionada base de datos.

Grazas á colaboración entre a Consellería de Educación e a USC tamén se lle dará continuidade á transcrición e preparación da edición de documentos galegos da colección do mosteiro de Santa María de Oia. Así mesmo, este convenio permitirá ampliar o corpus de textos romances da Galicia medieval e manter o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG).

Finalmente, o ILG impulsará o Arquivo do Galego Oral (AGO) coa recollida de novos textos orais nalgúns dos puntos en que aínda non se conta con gravacións, para conseguir unha representación territorial plena.

Un referente na investigación científica

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran desde o ano 1987 no desenvolvemento de traballos de investigación lingüística do idioma galego, o que se plasma a partir do ano 1994 na sinatura de convenios de colaboración. Estes traballos realízanse a través do ILG, centro de investigación lingüística da USC dedicado ao estudo e á promoción da lingua galega.

O ILG, dirixido por Rosario Álvarez, desenvolve un labor investigador que se distribúe nas seccións de Lexicografía, Xeografía lingüística e Dialectoloxía, Onomástica, Fonética, Gramática, Sociolingüística e Historia da lingua.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa o desenvolvemento da investigación científica sobre o galego, ao tempo que se contribúe á difusión e á dinamización desta lingua en todos os ámbitos da sociedade.

Menús News node R

Departamento