Cultura e Educación e a Asociación Área Empresarial do Tambre promoverán o emprendemento entre o alumnado de 6º de primaria e 2º de ESO a través do programa ‘Atrévete Santiago’

O conselleiro e o presidente da asociación asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para o desenvolvemento desta iniciativa

Ata 2.340 estudantes de centros santiagueses poderán realizar as actividades ou xornadas de formación relativas ao emprendemento e a empresa

Ven, 13/12/2013 - 14:13
 Cultura e Educación e a Asociación Área Empresarial do Tambre promoverán o empr
Cultura e Educación e a Asociación Área Empresarial do Tambre promoverán o emprendemento entre o alumnado de 6º de primaria e 2º de ESO a través do programa ‘Atrévete Santiago’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús J. Chenel Noya; asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para o desenvolvemento do programa ‘Atrévete Santiago’, a través do que se promoverá o emprendemento entre ata 2.340 alumnado de 6º de primaria e 2º de ESO.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, chega á capital galega despois do desenvolvemento dunha moi similar en Ourense en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de san Cibrao. Nesa provincia o programa foi todo un éxito, xa que contou coa participación de 296 alumnas e alumnos.

Actividades e xornadas de formación

No marco de ‘Atrévete Santiago’ desenvolveranse tanto actividades – dirixidas a 540 alumnos de 6º de primaria- como xornadas de formación – dirixidas ata 1.800 estudantes de 2º de ESO-, impartidas por persoal da Consellería.

As actividades destinadas a os escolares de 6º de primaria celebraranse todos os venres dos meses de febreiro e de marzo e o primeiro venres de abril de 2014. Nelas as alumnas e alumnos recibirán información sobre o emprendemento nas diferentes profesións técnicas, o papel dos viveiros de empresa nos centros educativos e as experiencias emprendedoras en Santiago. A sesión rematará cunha visita ao CIFP Politécnico de Santiago – onde se desenvolverán as actividades- e ao seu viveiro de empresa.

No que atinxe ás xornadas, consistirán nun encontro do alumnado de 2º da ESO cun emprendedor ou emprendedora na sede da asociación. Ademais realizarán unha visita a unha empresa da Área Empresarial do Tambre, que poden ser URO Vehículos Especiales; Tórculo Artes Gráficas; Gamelsa ou Cogami Reciclaxe de Galicia (Coregal), entre outras a través das que se achegaran a distintos segmentos empresariais. As sesións desenvolveranse o derradeiro venres de xaneiro e todos os venres dos meses de febreiro e de marzo de 2014.

Os centros interesados en participar deberán enviara  súa solicitude ao enderzo fpplus@edu.xunta.es antes do 15 de xaneiro de 2014.

Concurso

‘Atrévete Santiago’ recoñecerá tamén as mellores ideas emprendedoras do alumnado participante. Para iso convócase o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que se premiarán con cadanseu lector de libros electrónicos as dúas mellores ideas do alumnado para a posta en marcha dun negocio. As rapazas e rapaces deberán redactalas nun máximo de dous folios e envialas antes do 20 de maio de 2014 ao enderezo electrónico gerente@areaempresarialdotambre.com , ou ao enderezo postal ‘Vía Edison 1. Polígono do Tambre. 15890. Santiago de Compostela’.

Eduemprende

A través desta iniciativa a Consellería busca inculcar desde as etapas iniciais do ensino o espírito de esforzo e emprendemento entre as alumnas e alumnos, fomentando o seu interese pola posta en marcha de proxectos que contribúan ao avance da nosa sociedade.

Cómpre lembrar que nos tres anos de funcionamento do Eduemprende desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnas e alumnos. Asemade, máis de 2.250 profesores e profesoras participaron en xornadas de formación e na coordinación das distintas actividades.