O conselleiro de Cultura e Educación visita o laboratorio de idiomas do CEIP Raquel Camacho aberto este curso

Xesús Vázquez Abad comprobou o funcionamento desta aula dixital que foi instalada en colaboración coa Fundación Paideia

Xov, 12/12/2013 - 13:47
O conselleiro de Cultura e Educación visita o laboratorio de idiomas do CEIP Raq
O conselleiro de Cultura e Educación visita o laboratorio de idiomas do CEIP Raquel Camacho que se abriu este curso

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CEIP Raquel Camacho, que desde o presente curso conta cunha aula de linguas posta en funcionamento coa colaboración da Fundación Paideia.

O conselleiro, acompañado polo vicepresidente da Fundación, Guillermo Vergara; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana e a directora do centro María Jesús Barreiro Rial, comprobou o funcionamento deste novo espazo composto por 25 cabinas de idiomas dotadas cada unha delas cun ordenador nunha aula que ten un encerado dixital e un proxector. Os case 400 alumnas e alumnos do centro pasan todas as semanas por esta aula para recibir as clases de inglés e así aproveitar as novas tecnoloxías para a mellorar o nivel en idiomas.

Tal e como Vázquez Abad destacou, este espazo está principalmente destinado á mellora do coñecemento da lingua inglesa pero tamén se está empregando, cando se ten a necesidade, para que o alumnado estranxeiro mellore o seu nivel tanto en galego como en castelán. “Este espazo é froito do traballo de colaboración desenvolvido conxuntamente coa Fundación Paideia”, asegurou o conselleiro que engadiu que “estas iniciativas comezaron no 2006, e desde entón xa chegou a seis centros galegos como por exemplo o CEIP Ramón Artanza e Malvérez de Muros, ou o CEIP Sal Lence da Coruña”.

Colaboración coa Fundación Paideia

A aula visitada hoxe é a continuación dun traballo que ven desenvolvendo desde hai  anos a Consellería a través do marco de colaboración aberto coa Fundación Paideia, que reforza a aposta do goberno galego polo plurilingüismo no sistema educativo galego.

Neste sentido, o conselleiro salientou a importancia de que todos os axentes implicados no ensino en Galicia unan forzas a prol de impulsar nos centros educativos o uso de todo tipo de recursos para que as alumnas e alumnos teñan a oportunidade de acadar unhas competencias en linguas estranxeiras “en consonancia coas esixencias da sociedade do século XXI”.