Xesús Vázquez anuncia durante a súa visita ao CIFP Someso a convocatoria dunha oferta de emprego público para profesorado de secundaria no 2014

As oposicións serán para arredor de 100 prazas

O conselleiro percorreu esta mañá o centro integrado de Formación Profesional, no que o seu departamento ten investido preto de 254.000 euros para melloras do centro e para o apoio á súa biblioteca

Ademais hoxe comunicou ao centro que pode comezar as obras para a construción dunha aula magna, cun presuposto de 63.000 euros

Mér, 11/12/2013 - 11:48
Xesús Vázquez Abad na visita ao CIFP de Someso
Xesús Vázquez Abad na visita ao CIFP de Someso

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá a convocatoria dunha oferta de emprego público para profesorado de secundaria no vindeiro ano 2014. Fíxoo durante a súa visita ao CIFP Someso, un centro de referencia na Formación Profesional galega, no que estudan 1.269 alumnas e alumnos.

Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia a Consellería vai presentar na Mesa Sectorial unha proposta de convocatoria, que consistirá en aproximadamente unhas cen prazas para as oposicións de ensino secundario. “O noso obxectivo é convocar o maior número de prazas que nos permite a taxa de reposición do 10% que nos vén imposta polo la Lei de Presupostos Xerais do Estado. Gustaríanos convocar máis prazas pero non podemos facelo”. Ademais, explicou que a proposta que se presente á Mesa Sectorial para este ano próximo non incluirá prazas para primaria.

Xesús Vázquez manifestou ademais a súa vontade de diálogo cos sindicatos do ensino, de tal forma que na mesa sectorial todas as partes fagan achegas sobre cal son as especialidades nas que convocar as prazas.

Percorrido polo centro integrado

Durante o seu percorrido polo centro integrado de Formación Profesional, o conselleiro estivo acompañado pola subdirectora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e mais polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.

O conselleiro comunicou ao director do CIFP, Félix Rodil, que o proxecto do centro para realizar unha aula magna aproveitando un vello ximnasio ten xa o visto e prace da Consellería, ao considerarse unha obra viable, polo que poderán dar comezo aos traballos construtivos. O presuposto para esta aula é de 63.000 euros.

Así mesmo, Vázquez Abad puido comprobar o estado das melloras realizadas nos últimos anos no centro. En concreto trátase de traballos de renovación da cuberta, de acondicionamento e instalación eléctrica en talleres, de renovación do pavimento do patio de acceso, así como da instalación dun lucernario. Desta forma o investimento da Consellería para melloras do centro e para o apoio á súa biblioteca ascende a preto de 254.000 euros.

Un centro de referencia

O CIFP Someso é un centro de referencia en Galicia pola súa ampla e variada oferta de FP, así como polos programas que desenvolve. Así, o centro imparte 28 ciclos formativos, 16 deles no réxime ordinario, 10 no réxime para adultos na modalidade presencial e outros 2 na modalidade a distancia. Nel impártense ciclos das familias profesionais de Edificación e obra civil, Fabricación mecánica, Imaxe persoal, Madeira e moble, Mantemento e servizos á produción, Transporte e mantemento de vehículos.

Así mesmo, o CIFP participou no último proceso convocado pola Consellería para a Acreditación de Competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, e é centro examinador nas probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de FP. Neste mesmo eido, o de Someso é un dos centros integrados onde se poden realizar as probas encamiñadas á obtención dos carnés e habilitacións profesionais que acreditan ter os coñecementos teórico-prácticos necesarios para o exercicio de profesións como a de instalador de gas, operador industrial de caldeiras, ou de guindastre móbil, entre outras.

No que atinxe aos programas europeos, participa no Erasmus e no Leonardo Da Vinci IVT Europa. Ademais, o CIFP ten participado nas Galicia Skills, olimpíadas galegas da Formación Profesional.