O conselleiro de Educación recorda no Parlamento que se está a cumprir co decreto do plurilingüismo no que atinxe aos libros de texto

Xesús Vázquez Abad lembra que o equilibrio lingüístico no ensino cumpre coa promesa feita aos galegos e galegas que hai máis dun ano apostaron polo cambio nas urnas

Mér, 23/06/2010 - 20:08

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe na súa intervención no Parlamento que a Xunta de Galicia está a cumprir coa legalidade vixente ao cambiar os libros de texto na ensinanza obrigatoria nas materias de matemáticas, física e química e tecnoloxías.

Vázquez Abad destacou que esta acción demostra, unha vez máis, que desde a Consellería de Educación dáse cumprimento á legalidade e “está a adoptar medidas de acordo co programa electoral da forza política que acadou o respaldo maioritario das galegas e dos galegos”. “Cumprimos a promesa de cambiar o modelo de préstamo de libros de texto do bipartito para garantir a gratuidade real e a propiedade dos mesmos”, lembrou o conselleiro. Así, explicou que “no curso 2010-2011 comezamos a implantar a ‘Gratuidade Solidaria’, un programa de axudas para a adquisición de libros de texto que comezou en 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e en Educación Especial pero irá estendéndose de xeito progresivo a todos os niveis do ensino non universitario de Galicia”, e do que “no primeiro ano de aplicación supuxo que case 7 de cada 10 escolares galegos se beneficiaran destas bolsas”.

Demanda da sociedade

Do mesmo xeito, o titular autonómico de Educación engadiu que “igual que durante todo o curso 2009-2010 houbo un respecto e un acatamento do Decreto de 2007”, unha vez aprobada a nova norma - o Decreto 79/2010, que foi aprobado o pasado 20 de maio – “este Goberno vai cumprir a legalidade”.

Así mesmo, Vázquez Abad recordou que a norma que agora está en vigor “xorde da demanda da maioría dos galegos e galegas para trasladar ao eido educativo o bilingüismo cordial propio de Galicia e a aspiración do noso pobo de avanzar na aprendizaxe de linguas estranxeiras”.

Unha boa xestión

Durante a súa intervención, o conselleiro sinalou que os cambios que se van producir nos libros de texto de matemáticas, física e química e tecnoloxía nos cursos nos que aínda se aplica o sistema do anterior goberno mediante un préstamo, terá practicamente o mesmo custe que o do cambio realizado polo bipartito cando se implantou o Decreto de 2007.

Vázquez Abad sinalou ademais que “os libros non se van tirar, xa que as alumnas e os alumnos galegos van poder usalos, e teranos á súa disposición para traballar con eles”.

O conselleiro recordou, unha vez máis, que este cambio é a resposta a una demanda da sociedade, e que non é a primeira vez que o sistema educativo sofre cambios, xa que como todos os ámbitos da sociedade ten que adaptarse á lexislación, nacional e autonómica, vixente, como sucedera coa implantación da LOE.