PISA 2012 sitúa a Galicia por riba da media estatal nas tres competencias avaliadas, e avala a aposta de Cultura e Educación polo plurilingüismo cunha mellora de 13 puntos na lectora

Os resultados de Galicia están por riba dos da media da OCDE nas competencias lectora e científica, e reduce distancias respecto desta na matemática

Na competencia científica a nosa comunidade mellora 6 puntos, e a matemática mantense nos valores de PISA 2009

Mar, 03/12/2013 - 18:00
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, n
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, na rolda de prensa

A aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria polo plurilingüismo – que ten o seu referente normativo no Decreto 79/2010- vén de reflectirse nunha mellora de 13 puntos nos resultados da proba que mide a competencia lectora do alumnado no informe PISA 2012. Galicia, con 499 puntos, pasa de ser a 10ª Comunidade Autónoma a ser a 6ª nesta competencia, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE. Cómpre sinalar ademais que a media nacional respecto do 2009 só se incrementou 7 puntos, case a metade ca galega.

Tal e como sinalou durante a rolda de prensa de presentación do PISA 2012 o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, os resultados galegos nesta competencia están ao mesmo nivel ca os do Reino Unido, e por riba de Comunidades como País Vasco, Aragón, A Rioxa, Cantabria, Andalucía, Baleares, Murcia e Estremadura; e de países como Estados Unidos, Dinamarca, República Checa, Austria, Luxemburgo, Portugal, Israel, Suecia e Islandia

O labor das bibliotecas

Ademais do Decreto do plurilingüismo, o labor desenvolvido polos centros educativos nas bibliotecas escolares é un factor fundamental na mellora dos resultados na competencia lectora. Neste sentido cómpre salientar o traballo que está a desenvolver a Consellería a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). De feito, son xa 524 centros de ensino os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), 300 máis das que había ao inicio da lexislatura. Ademais, un total de 115 bibliotecas escolares contan este curso con lectores electrónicos grazas ao apoio da Consellería a través da ampliación do proxecto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE), posto en marcha o pasado curso. O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformacións que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.

Así mesmo, o Plan LÍA incorpora este curso unha nova iniciativa para recoñecer e impulsar as actitudes de colaboración e solidariedade entre o alumnado galego a través das bibliotecas escolares, ‘Voluntariado de Lectura-A’. Neste programa, que converte a Galicia en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria, participan un total de 44 centros educativos.

Competencias científica e matemática

O alumnado galego tamén mellorou os seus resultados na competencia científica, na que a nosa comunidade acada 512 puntos, 11 máis cá media da OCDE, 16 máis ca media nacional e 6 máis ca o resultado galego no informe PISA 2009. “Con este resultado na competencia científica Galicia continúa a ser a Comunidade Autónoma situada en 5º lugar – explicou o conselleiro-. Se tomamos como referencia a puntuación media galega nesta competencia, non é significativamente diferente, desde o punto de vista estatístico, á de países como Alemaña, Suíza, Reino Unido, Canadá, Países Baixos, Polonia, Irlanda, Australia, Nova Zelanda ou Eslovenia. Ademais os resultados son similares aos de comunidades autónomas como Castela e León, Madrid, Principado de Asturias ou Navarra”.

No que atinxe á competencia matemática Galicia mantense nos 489 puntos de PISA 2009. A media da OCDE descende nesta competencia 2 puntos ata os 494, polo que se acurta a diferenza en 2 puntos. Así a media galega está ao nivel de Noruega, e sitúase por riba de países como Portugal, Italia, España, Eslovaquia, Estados Unidos, Suecia, Hungría e Israel.  Ademais, estamos a un nivel moi similar ao de Dinamarca, Nova Zelandia, República Checa, Francia, Reino Unido, Islandia ou Luxemburgo e as comunidades autónomas de Asturias, Aragón, Cataluña e Cantabria.

Respecto desta competencia Vázquez Abad indicou que os sistema educativo español precisa dun reforzo na área de matemáticas, “algo no que nos comprometemos a traballar no marco do novo escenario educativo que se presenta a partires de agora”. “Fixémolo na competencia lectora, con iniciativas como o Plan Lía, e farémolo tamén para a mellora da competencia matemática, unha vez analicemos este informe con profundidade”, engadiu.

O informe PISA, realizado pola OCDE, proporciona resultados globais e niveis de competencia na escala xeral de matemáticas, como competencia principal avaliada nesta edición, e nas competencias lectora e científica como secundarias. A avaliación realizouse en 56 centros galegos, dos cales 40 son públicos e 16 privados, e participaron nela 1.542 alumnos e alumnas.

Niveis de rendemento

A avaliación do informe PISA establece unha escala xeral con niveis de rendemento, cuantificando a porcentaxe de alumnado que hai en cada un deles. A definición dos niveis de rendemento desempeña un papel clave para interpretar e valorar os resultados dos alumnos e alumnas, posto que nesta definición se establecen os coñecementos que deben ter para alcanzar cada un dos niveis descritos, así como as destrezas necesarias e as tarefas que deben realizar para resolver os problemas formulados. En definitiva, a descrición dos niveles de rendemento correspóndese coa dificultade das preguntas ou ítems adaptados a cada un dos niveis.

Desde este punto de vista os mellores resultados son, de novo, os da competencia científica, na que o 80% do alumnado galego se sitúa nos niveis intermedios -2,3 e 4-, o 7% nos niveis máis altos - 5 e 6-, e o 13% nos niveis máis baixos -<1 e 1-.Na competencia lectora o 77% do alumnado avaliado en PISA 2012 sitúase nos niveis intermedios, o 7% nos niveis altos e o 16% no nivel baixo . No caso da competencia matemática o 70% do alumnado galego avaliado está nos niveis intermedio, o 8% nos niveis altos e o 22% no nivel baixo.

Desta forma, na competencia lectora rexístrase unha clara mellora nos niveis intermedios-alto, nos que se sitúa agora o 84% dos alumnos - fronte ao 81% do 2009-, e unha diminución nos niveis baixos desde  o 18% de 2009 ata o actual 16%. No caso da competencia científica o 87% do alumnado mantense nos niveis intermedio e altos; mentres que na matemática apréciase un incremento do alumnado situado nos niveis superiores (5 e 6), desde o 7% de 2009 ao 8% do 2012.

Un sistema educativo mellor que hai 5 anos

O conselleiro amosou a súa satisfacción coa significativa mellora dos resultados do alumnado galego en PISA nestes últimos catro anos, froito do esforzo feito en prol da mellora da calidade educativa. Neste sentido lembrou algúns factores destacados polo Ministerio na presentación dos resultados de PISA 2012, como o feito de que autonomía dos centros educativos, sempre e cando vaia unida a rendición de contas, axuda a mellorar os resultados; e o de que o incremento do gasto por alumno non implica unha mellora dos resultados. “Isto vén confirmar - dixo- o acertado de iniciativas postas en marcha pola Consellería, como os contratos-programa ou os programas de formación do profesorado en centros; así como un feito fundamental: que aínda en tempos de crise económica - e así o estamos a demostrar- se pode traballar pola mellora da calidade educativa. O Ministerio destacou tamén unha mellora do clima escolar e, aínda que non hai aínda datos concretos , estamos seguros de que a iniciativa pioneira de Galicia coa Lei de Convivencia ten boa parte neste feito”.

Neste contexto o conselleiro salientou ademais outros indicadores nos que Galicia tamén está mellor que o resto de Estado os datos de abandono educativo temperán, a taxa de idoneidade, e as taxas de graduación en ESO, Bacharelato e FP. “É dicir, que tanto os datos de PISA como outros indicadores educativos que se están a rexistrar confirmar que hoxe a educación en Galicia goza de mellor saúde que hai 5 anos, cun ensino público con máis colexios plurilingües, máis oferta e máis matriculación en FP e nas Escolas Oficiais de Idiomas, cunha maior oferta de FP; e con mellores indicadores”.

Ademais o conselleiro sinalou esta mellora como froito dun labor conxunto “da administración educativa, as familias e o profesorado, colectivo que é o responsable día a día dos coñecementos que recibe o alumnado, e cuxa tarefa debemos recoñecer como factor importantísimo e fundamental nestes resultados”.

Declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad (1ª parte)

audio/mpeg icon Declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad (2ª parte)