O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel imprescindible da educación para o cambio do concepto de diversidade na sociedade

Xesús Vázquez Abad presidiu o acto ‘Educación Inclusiva: iguais na diversidade’, co que a Consellería ratifica o seu compromiso coa atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado galego

Mar, 03/12/2013 - 20:00
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, durante o acto ‘Educación Inclusiva: iguais na diversidade’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o papel imprescindible da educación para sentar as bases dun progresivo cambio no concepto da diversidade na sociedade durante o acto ‘Educación Inclusiva: iguais na diversidade’, co que o departamento educativo da Xunta de Galicia ratifica o seu compromiso coa atención ás necesidade específicas de atención educativa do alumnado galego.

Durante a súa intervención Vázquez Abad explicou que a sociedade está vertebrada en base ás diferenzas, “que permiten que cada un ocupe o seu espazo e despregue as súas capacidades e, deste xeito, colabore co conxunto social desde o seu espazo persoal”. Neste sentido apostou por unha escola “que aposte pola valía de cada persoa, que permita que cada quen desenvolva as súas capacidades e o faga nunha contorna normalizada”. “A integración a partir da normalidade para, entre todos, os obstáculos que a vida nos vai poñendo. Porque todos formamos parte deste sistema. É o camiño natural, o máis complicado e o máis sinxelo a un tempo: o que transcorre a través da comprensión e o entendemento” engadiu.

No acto, que se celebrou no auditorio da Biblioteca de Galicia, participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o director de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, así como o director do proxecto ‘Máscaras’, Iago González; e os seus cinco protagonistas: Amparo, Manolo, Eva, Miguel e Mireia.

Ao remate da intervención do conselleiro expúxose o proxecto ‘Máscaras. A historia dun reto’ que narra a historia de dous grupos de persoas que, sen experiencia previa, aproveitaron cadansúa competencia para rodar unha curtametraxe de amor e intriga, ‘Calcetíns’ (que se proxectou posteriormente no acto). Os participantes no filme, membros de Aspronaga, enriqueceron o proxecto con cadansúas achegas no marco dun proceso de creación-aprendizaxe que contribuíu a dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao tempo que se recollían realidades que non teñen habitualmente cabida nos circuítos comerciais. A película xa foi presentada diante da comunidade educativa polo conselleiro, como forma de promover un ensino inclusivo e a educación para a valoración da diversidade, defendidos pola Consellería como factores fundamentais para o avance da sociedade.

Profesionais de atención á diversidade

A Consellería de Cultura e Educación presta cumprida atención á diversidade do alumnado galego a través da dotación aos centros educativos galegos de profesionais especializados. Neste sentido cómpre salientar que hai nos centros educativos públicos galegos 3.224 profesionais dedicados á atención á diversidade, 62 máis ca no curso anterior - 35 profesores máis de Audición e Linguaxe, 9 especialistas máis en Pedagoxía Terapéutica, ademais de 18 novas persoas que exercen labores de coidador-. En total prestan o seu apoio no ensino público 615 especialistas en Audición e Linguaxe, 1.354 en Pedagoxía Terapéutica, 463 coidadores e 792 orientadores.