‘Os Axóuxeres’ chegarán a Pontedeume, ao Grove e a Vilagarcía de Arousa a vindeira fin de semana

O programa de dinamización lingüística destinado a familias novas con bebés entra na recta final do seu itinerario por 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

A inscrición previa telefónica, de balde ata completar a capacidade das salas, xa está aberta para as tres localidades

Lun, 25/11/2013 - 17:10
‘Os Axóuxeres’ chegarán a Pontedeume, ao Grove e a Vilagarcía de Arousa a vindei
‘Os Axóuxeres’ chegarán a Pontedeume, ao Grove e a Vilagarcía de Arousa a vindeira fin de semana

Os “Encontros dos Axóuxeres”, impulsados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegarán durante esta fin de semana a Pontedeume, O Grove e Vilagarcía de Arousa para dinamizar o uso do galego entre a xente miúda da casa e favorecer a súa transmisión a través do vínculo familiar. O programa, que comezou o seu itinerario polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no pasado mes de setembro, completará a vindeira semana o seu itinerario por 24 municipios das catro provincias galegas.

Historias, música e diversión para a xente miúda da casa

Nesta edición do programa, que xa é a sexta, os cativos de 0 a 6 anos e mais as súas familias poderán abrirse ao descubrimento do mundo en galego a través dun espectáculo pensado especialmente para eles, no que se mestura o teatro, a manipulación de monicreques e a música en directo. Os integrantes da compañía Caramuxo Teatro, pioneira en teatro para bebés en Galicia, farán partícipes a todos os asistentes da historia dunha pequena aldea que, coa sucesiva incorporación de casiñas, acaba por se converter nunha cidade.

Durante os 35 minutos de duración da actividade, a xente miúda da casa descubrirá os cambios que vivimos na vida cotiá e no noso contorno a través da súa curiosidade por saber quen e como serán eses novos veciños que se incorporan á aldea. A historia e a canción de Telmo, o equilibrista, que pasea entre as casiñas sobre un fino arame, ou a da gata de Marcelina, Rita, que vén de visita á hora da merenda, tamén xogarán co elemento sorpresa da xente miúda da casa.

Inscrición aberta para os encontros desta semana

“Os Axóuxeres” levarán o teatro e a música en galego para bebés a tres concellos da RDL durante a vindeira fin de semana. O sábado, a localidade anfitrioa será Pontedeume, que acollerá unha función na Casa da Cultura ás 18:30 horas. O domingo á mañá o espectáculo chegará ao Grove, cun pase na Casa da Cultura Manuel Lueiro ás 12:00 horas, e, xa pola tarde, rematará a semana en Vilagarcía de Arousa, en cuxo Auditorio se poderá gozar a partir das 18:30 horas.

Desde hoxe mesmo está aberta a inscrición para cativos menores de seis anos acompañados dun adulto nos tres encontros desta fin de semana. A inscrición, que é de balde ata completar a capacidade das salas, xestiónase a través do teléfono 610 641 570, con atención de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.

24 concellos da RDL

O programa de dinamización lingüística para a xente miúda da casa comezou no mes de setembro un intenso itinerario por 24 concellos da RDL que xa levou a actividade a Ourense, Santa Comba, Arteixo, A Coruña, Ames, Burela, Viveiro, Ferrol, Xinzo de Limia, Verín, O Pereiro de Aguiar, Moaña, Redondela, Teo, Ribeira, Vilalba, Mos e O Porriño. Logo dos vindeiros encontros previstos en Pontedeume, no Grove e en Vilagarcía de Arousa, “Os Axóuxeres” completarán a súa xira na segunda fin de semana de decembro con pases en Silleda, A Estrada e Santiago de Compostela.

Toda a información sobre “Os Axóuxeres”, calendario completo, sorteo de experiencias no web e materiais descargables en www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013.

Menús News node R