Anxo Lorenzo presenta en Edimburgo as principais liñas de actuación da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Fíxoo no marco da reunión anual da comisión executiva e da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity que ten lugar estes días

Mar, 22/06/2010 - 15:14
Reunión anual da comisión executiva e da asemblea xeral da Network
Reunión anual da comisión executiva e da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu por primeira vez á reunión anual da comisión executiva e da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo á que están asociadas institucións públicas e entidades privadas de máis de vinte rexións europeas con lingua propia.

No encontro, con sede en Edimburgo e que se desenvolverá ata mañá, Anxo Lorenzo deu a coñecer ante os membros da NPLD as principais liñas de actuación do departamento que dirixe para a promoción do uso da lingua galega. Neste sentido, o secretario xeral destacou que “a utilización das ferramentas, recursos e estratexias de planificación lingüística” lle permiten ao goberno galego “o desenvolvemento de liñas de actuación en áreas prioritarias, como a transmisión lingüística familiar, a dinamización social do galego na infancia e na mocidade e a dispoñibilidade de produtos e recursos en galego no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación”, entre outras.

O responsable de Política Lingüística tamén informou da aprobación, o pasado mes, do Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, un novo marco normativo que favorece a adquisición dunha competencia plena e semellante en galego e castelán, que garante o equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia e que promove a dinamización da lingua galega nos centros de ensino.

A Rede de dinamización lingüística

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo fixo fincapé na próxima presentación da Rede de dinamización lingüística, un proxecto innovador que ten por obxectivo impulsar e coordinar as accións de promoción do uso da lingua galega entre as administracións autonómica e local.

No desenvolvemento deste relatorio, membros da NPLD de varios países interesáronse por coñecer as características desta rede e formuláronlle ao secretario xeral varias preguntas en relación a este proxecto durante a sesión principal da asemblea xeral.

Últimos datos sociolingüísticos

Anxo Lorenzo concluíu a súa intervención cunha análise dos últimos datos sociolingüísticos publicados acerca do coñecemento e do uso das linguas oficiais de Galicia, obtidos a través da Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego, que elaborou o Instituto Galego de Estatística.

Ademais das representacións das institucións públicas e das entidades privadas que conforman a NPLD, asistiron a esta reunión da comisión executiva e da asemblea xeral varios membros da comisión xestora encargada de elaborar unha avaliación externa sobre este proxecto europeo, que remata o próximo mes de outubro. Outra das cuestións de interese que se está a tratar neste encontro é a renovación do dito proxecto para o período 2011-2013.

A promoción da diversidade lingüística

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da NPLD, unha iniciativa que lidera a Oficina Galesa de Política Lingüística e na que tamén participan diferentes organismos que promoven a diversidade lingüística no ámbito europeo, como son o Centro Europeo de Investigación en Multilingüismo Mercator ou a Axencia de Noticias sobre Linguas (Eurolang), entre outros. A través desta rede de encontro –na que están representadas linguas como o éuscaro, o catalán, o irlandés, o galés, o escocés, o estoniano, o bretón e o frisio, entre outras– as diversas entidades que a conforman procuran contribuír á preservación e impulso da diversidade das linguas dos estados da UE.

Menús News node R