O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia do papel dos docentes na alfabetización científica do alumnado, na clausura do XXVI Congreso de ENCIGA

A Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia reuniu neste encontro a máis de 300 docentes de infantil, primaria, secundaria e universidade de diferentes Comunidades Autónomas e de Portugal

Sáb, 23/11/2013 - 13:00
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na clausura do XXVI Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na clausura do XXVI Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (ENCIGA), un encontro no que se reuniron máis de 300 docentes de infantil, primaria, secundaria e universidade de diferentes Comunidades Autónomas, como Galicia, A Rioxa, Valencia, Cantabria, Cataluña; e de Portugal.

Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia dos docentes na creación “dunha mente científica, como no asentamento das bases de todo coñecemento”. A este respecto lembrou a necesidade dunha alfabetización científica como parte esencial do saber, “de xeito que permita interpretar a realidade, axude a construír opinións e ofreza argumentos para tomar decisións”, que ademais “proporciona ao alumnado unha cultura científica básica coa que entender mellor o mundo no que se desenvolve”.

Xesús Vázquez sinalou así mesmo a importancia de que o profesorado actualice constantemente os seus coñecementos, unha tarefa na que está plenamente implicada a Consellería xa que “nos docentes descansa o futuro formativo das nosas mozas e mozos”. Neste sentido agradeceu o labor de ENCIGA por ter entendido “que un docente precisa estar en continua renovación e formación para poder seguir o ritmo, moitas veces vertixinoso, da nosa sociedade. E, por suposto, por implicarse para cubrir esa necesidade”.

Intercambio de experiencias

Ao longo das 3 xornadas do congreso os asistentes compartiron conferencias, comunicacións, obradoiros e debates arredor da avaliación, as experiencias didácticas interdisciplinares, as actividades de investigación-acción, os materiais curriculares ou os recursos multimedia. O tratamento de contidos transversais, o desenvolvemento curricular e as estratexias metodolóxicas foron tamén obxecto de parte das actividades realizadas no marco do congreso.

O encontro rematou hoxe coa conferencia ‘A física de partículas, un exemplo: o experimento ATLAS no CERN’, impartido por Teresa Fonseca Martín, investigadora do CERN e profesora no Collège Calvin de Genève.

Coa celebración deste congreso anual ENCIGA - que forma parte da Federación Internacional de Asociacións de Ensinanza da Ciencia, ICASE International Council of Associations for Science Education- procura un dobre fin: formativo e de achegamento entre os docentes do eido das ciencias. O obxectivo desta asociación é, de feito, mellorar a calidade no ensino na área de ciencias, a través do impulso e dinamización dos traballos de investigación educativa e intercambio de información entre os asociados, para o que este tipo de encontros é fundamental.