Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela, Cotobade, Sober e Lalín acollerán durante esta fin de semana as actividades de ‘FalaRedes 2013’

Ata final de ano, o programa de dinamización lingüística despregará un total de 130 accións gratuítas para promover o galego no tempo de lecer

Ven, 22/11/2013 - 11:23
 Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos
Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística

As actividades do programa “FalaRedes 2013”, impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúan co seu itinerario polos concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela, Cotobade, Sober e Lalín son as localidades anfitrioas que acollerán durante esta fin de semana  o espectáculo multidisciplinar “As pombas de Carboeiro”e mais o teatro de  “Acuario”.

Con estas actividades, que forman parte da segunda edición do exitoso programa “FalaRedes”, promóvese a creación de espazos de uso en galego no tempo de lecer, para  asociar a imaxe da lingua galega con valores positivos e modernos. Os dous espectáculos pretenden ademais reforzar o uso da lingua galega entre galegofalantes e fornecer de modelos lingüísticos de referencia aos castelanfalantes. Ata final de ano, despregaranse 130 actividades por todos os concellos da RDL no marco do programa “FalaRedes 2013”

‘As pombas de Carboeiro’

O espectáculo  “As pombas de Carboeiro” entra na recta final do seu itinerario coas actuacións deste sábado en Sober, no Centro Sociocultural ás 20:00 horas, e en Lalín, no Auditorio Municipal ás 18:30 horas. Completará en Oleiros a súa xira, logo de promover o uso do galego por 19 concellos da RDL.

Os mozos integrantes das bandas de música de cada concello que acolle “As pombas de Carboeiro” colaboran coa compañía teatral Fantoches Baj para desenvolveren para todos os veciños un espectáculo multidisciplinar que combina o teatro, a música e as lendas narradas cun kamishibai, arte empregada en Xapón como apoio visual aos relatos orais. Con todos estes recursos, descóbrenlles aos asistentes a historia de amor protagonizada por Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán). Deste xeito, a música e o teatro convértense nunha vía para implicar a mocidade na dinamización da lingua galega.

‘Acuario’

Durante esta fin de semana, a coñecida comunicadora María Canosa e o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos trasladarán ao fondo dun inmenso “Acuario” a veciñanza de Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela e Cotobade, para darlles a coñecer aos máis pequenos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do noso litoral.

Neste espectáculo, a xente miúda da casa irá coñecendo as características dos peixes que habitan no fondo do mar a través dos poemas do libro homónimo de María Canosa, “Acuario”, e dun coidado acompañamento teatral que combina a manipulación de monicreques con moito humor e música en directo.

Hoxe mesmo, “Acuario” ofreceu unha función na Casa da Cultura de  Pontedeume ás 11:00 horas.Mañá,sábado, o espectáculo chegará a Castro de Rei, cunha sesión no Centro Sociocultural de Ribeiras de Lea ás 16:30 horas, e a Cospeito, na Casa da Cultura, ás 19:00 horas. Xa o domingo, a actividade recalará en Santiago de Compostela para ofrecerlle ao público da capital de Galicia unha representación na Sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 12:00 horas. Pola tarde,a proposta despedirá a semana dende Cotobade, cunha función ás 17:00 horas. A entrada para todas as actividades de “FalaRedes 2013” é libre e gratuíta ata esgotar a capacidade dos locais da representación.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013”en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013.

Menús News node R