Política Lingüística realizará no inicio do próximo curso escolar a convocatoria de axudas a proxectos de fomento do uso do galego

A secretaría xeral informou os centros de ensino desta medida, coa que se busca facilitar a planificación do traballo dos equipos de dinamización da lingua galega

Mar, 22/06/2010 - 13:38

A Secretaría Xeral de Política Lingüística realizará o próximo mes de setembro a convocatoria de axudas a proxectos de fomento do uso do galego. Así llo comunicou hoxe o departamento que dirixe Anxo Lorenzo aos centros de ensino, a través dunha circular.

Con esta medida preténdese que “os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos poidan, desde comezos do curso escolar, levar a cabo unha axeitada planificación do seu traballo e conten cos recursos económicos precisos para desenvolvelo”. Deste xeito, o goberno galego busca mellorar os prazos desta convocatoria de axudas que, con carácter xeral, se veñen dando desde a creación dos equipos, en 1992.

Os equipos de dinamización da lingua galega

Esta convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística constitúe unha iniciativa que ten como fin prioritario apoiar e impulsar o labor que veñen desenvolvendo os equipos de dinamización da lingua galega.  

A creación dos equipos de dinamización da lingua galega, “principais promotores e redactores dos proxectos de fomento do uso do galego que anualmente veñen concorrendo a estas axudas públicas”, responde ao obxectivo da Lei de normalización lingüística de conseguir que o alumnado adquira unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia.

Na actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos. Así mesmo, outra das tarefas que veñen desempeñando os equipos é a de conectar a acción dinamizadora levada a cabo no centro de ensino coas actividades de fomento do uso do galego realizadas no contorno social, nun intento de sumar sinerxías para darlles pulo á lingua e á cultura galegas.

Iniciativas para promover o uso do galego desde o ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta polo labor que veñen desenvolvendo os equipos. Por iso manterá este ano todas as iniciativas destinadas a promover o uso do galego desde os centros educativos. Iniciativas como os Premios de Innovación en Normalización Lingüística, o Concurso-Exposición Letras Galegas, o Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, o asesoramento e a axuda continuada por parte das coordinacións provinciais e central ou o espazo web destinado á divulgación das experiencias de fomento do uso do galego que se desenvolven desde os centros de ensino.

Menús News node R

Colectivo