Yolanda Castaño gaña o XI Premio de Poesía Novacaixagalicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación

‘A segunda lingua’ é o título da obra galardoada, que será publicada na Colección Arte de Trobar e que recibirá un premio de 6.000 euros

A Secretaría Xeral Cultura, o Centro PEN de Galicia e a Fundación Novacaixagalicia colaboran neste certame para alentar a creación poética e o desenvolvemento da cultura galega

Mar, 12/11/2013 - 20:32
O anuncio da resolución tivo lugar esta tarde na sede do Centro Cultural da Fund
O anuncio da resolución tivo lugar esta tarde na sede do Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do presidente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero

A escritora Yolanda Castaño é a gañadora do XI Premio de Poesía Novacaixagalicia, convocado polo Centro PEN de Galicia coa colaboración  da Fundación Novacaixagalicia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o comunicou hoxe o xurado do certame, que decidiu, por unanimidade, outorgarlle o galardón á obra ‘A segunda lingua’, presentada baixo o lema ‘Deslinguada’.

O anuncio da resolución tivo lugar esta tarde na sede do Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do presidente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero. Na súa comunicación pública, o xurado, presidido por Luís González Tosar e do que tamén formaron parte Pedro Otero, Xavier Castro Martínez, Armando Requeixo Cuba, Luis Pousa Rodríguez e Fina Casalderrey, valorou a capacidade do texto para elevar o cotiá a categoría estética, así como a elasticidade da súa linguaxe poética, e considera a obra un referente na traxectoria do certame.

Novos rexistros poéticos

‘A segunda lingua’, que foi premiada por unanimidade e “con convencemento e paixón lectora”, é un conxunto poemático que “percorre o cotián desde unha óptica de saudable ironía”, explicou o xurado. O amor, as circunstancias do día a día, a visión do propio oficio creador e mesmo o universo de relacións persoais teñen cabida nesta obra a través de “fórmulas estilísticas anovadoras e dunha linguaxe que se alimenta de rexistros idiomáticos moi diversos e vizosos debido á modernidade e á refrescante capacidade que o texto ten de debruzarse na maxia das pequenas - grandes cousas que acompañan a existencia”.

O xurado tamén destacou o gran nivel dos traballos presentados nesta convocatoria, “moi superior respecto doutras edicións, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía está a vivir un momento poderoso e que asiste a un cambio de ciclo”.

Favorecer a creatividade poética

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora por vez primeira con este certame na súa undécima edición, co obxectivo de contribuír ao impulso da creatividade das autoras e dos autores galegos, tal e como xa está a facer a través do seu apoio a outros certames como o Premio de Poesía de Carral, o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Ardeiro de Poesía.

A premiada

Yolanda Castaño, de orixe santiaguesa e cidadá da Coruña, licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da produción e da crítica literaria, ademais da comunicación. Escritora prolífica, deuse a coñecer moi nova no ámbito da literatura galega e recibiu diversos galardóns en recoñecemento polo seu labor de creación poética.  

Na traxectoria de galardoados e galardoadas co Premio de Poesía Novacaixagalicia, que botou a andar en 2002, figuran Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras e X. Daniel Costas, que foi o gañador da anterior convocatoria.