A Consellería de Educación clausura o curso escolar do CEIP de Soutelo de Montes, en Forcarei, Pontevedra

Xesús Vázquez Abad asistiu aos actos de fin de curso dos estudantes de educación infantil e primaria, que rematan mañá o ano escolar

Lun, 21/06/2010 - 14:33
Xesús Vázquez no acto de clausura do curso escolar do CEIP de Soutelo de Montes
Xesús Vázquez no acto de clausura do curso escolar do CEIP de Soutelo de Montes

O consellerío de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo presente nos actos de clausura do curso escolar no CEIP de Soutelo de Montes, en Forcarei (Pontevedra).

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que co remate do curso “chega a hora de facermos o balance do noso traballo. O labor dos alumnos, a experiencia dos profesores e máis os resultados da xestión do Goberno autonómico da nosa terra. En calquera caso, queda por diante un longo tempo de horizontes novos e desafíos que nos comprometen a todos na senda que ha facer do sistema educativo galego un dos mellores, máis dotados e máis eficaces de cantos se desenvolven no noso contorno occidental”.  

Igualdade de oportunidades

Vázquez Abad engadiu que desde Educación “aspiramos a que os nosos escolares teñan o mesmo nivel de oportunidades. Sexa nas aldeas do rural, nas pequenas vilas ou nas meirandes cidades da nosa terra. Ese é o noso Norte. E cara el imos na laboriosa busca dos desafíos que se erguen ante nós”, e recordou que “desde a Administración galega estamos a poñer a disposición dos nosos estudantes todos cantos medios nos permite a nosa capacidade económica e orzamentaria en tempos de especial dificultade, para que as tecnoloxías da información e da comunicación formen parte -cotián e inseparable- dos programas de estudo e de aprendizaxe desde as máis curtas idades. Os libros, os servizos de comedor e de transporte, serán cada vegada máis accesibles para todos cantos realmente o precisan dende una inequívoca posición de solidariedade”.

O conselleiro de Educación presenciou o festival co que se pecha o curso para os 63 estudantes das dúas aulas de infantil e as catro primaria, que estudan no centro de Soutelo de Montes. Un centro no que a Consellería investiu 115.000 euros ao longo do ano pasado e do presente, na reparación do ximnasio e o reposición de fiestras.

No acto de clausura Xesús Vázquez Abad estivo acompañado polo equipo directivo do CEIP, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Corés Tourís, polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, e polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares.  Así mesmo, asistiron o alcalde de Forcarei, David Raposeiras Correa, e as nais e pais de centros educativos da contorna.

O curso escolar para os máis de 193.000 estudantes de educación infantil e primaria de Galicia rematará mañá. Mentres que, as máis de 90.000 alumnas e alumnos de educación secundaria na comunidade, terán o seu último día de clases o mércores 23 de xuño.