Educación presenta os cursos de verán para os máis de 3.077 estudandes seleccionados para mellorar no estranxeiro o seu nivel de linguas estranxeiras

Este ano a convocatoria beneficiará a un 16% máis de alumnas e alumnos respecto do curso pasado

Sáb, 19/06/2010 - 11:20

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar os programas dos cursos aprendizaxe de linguas estranxeiras no verán de 2010, que beneficiaran a 3.077 alumnas e alumnos galegos.

Así, desde a semana pasada, representantes da Consellería manteñen encontros informativos cos estudantes de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria; e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos da comunidade autónoma de Galicia.

Deste modo, ao longo dos últimos días mantivéronse encontros cos 371 seleccionados da provincia de Lugo; os 325 de Ourense; 1.272 da Coruña e 1.109 de Pontevedra, que acompañados das súas familias ou titores legais asistiron ás charlas informativas impartidas por Educación xunto aos responsables das distintas empresas que os desprazarán aos destinos.

Os seleccionados viaxarán a distintas zonas de Europa, Canadá ou en España, en función do curso que estean a desenvolver e do idioma a mellorar. Deste modo haberá actividades en Canadá, Francia, Reino Unido, Irlanda, Alemaña e España.

Os destinos

No caso de Canadá, a estadía terá unha duración de tres ou catro semanas. En total serán 420 estudantes de 1.º e 2.º de bacharelato os que terán a ocasión de viaxar ao continente americano. Trescentas vinte prazas son para aqueles que opten polo inglés, mentres que o outro centenar que escolla francés. O custo por cada alumno será de entre 2250 e 2.850 euros, dos que as familias achegarán entre 310 e 350 euros.

Os que fagan os cursos de inglés no continente europeo serán 920 alumnos matriculados en 3.º e 4.º de ESO, que se distribuirán entre Irlanda e Reino Unido, tamén en quendas de tres semanas. Neste caso, o custo por alumno será de entre 1.400 e 1.890 euros, dos que cada alumno ou alumnas achegará tan só entre 150 e 175 euros. Os 300 seleccionados para estudar francés no país galo terán as mesmas condicións económicas. A estes engádense 12 alumnos e alumnas que mellorarán os seus coñecementos en alemán durante un curso de tres semanas.

Por outra banda 200 alumnos e alumnas de 2º de ESO melloraran as competencias en inglés asistindo a un “Pueblo Inglés”, cun custe de 1.400 euros do que os pais abonarán 150 euros. Para os estudantes de 1º de ESO haberá 395 prazas para as clases de inglés que se impartirán durante dúas semanas noutras comunidades autónomas, nas que se aloxarán nunha residencia ou campamento. O custo é de 1000 euros e as familias contribuirán con 120. Do mesmo modo, 850 prazas están destinadas para os alumnos de 6º de Educación Primaria que realizarán o curso dentro de Galicia, cun custo de 500 euros, do que as familias só aboarán 60.

As novidades de 2010

Por primeira vez esta ano non só se realizaran as actividades entre xuño e agosto, senón que tamén se desenvolverá unha quenda no mes de setembro, o que permitirá aos nenos e nenas galegos participar no sistema educativo de Irlanda ou Canadá, e compartir as experiencias dos estudantes estranxeiros.

Os beneficiados destas achegas terán cubertos o gastos dunha viaxe na que estarán acompañados por monitores e monitoras, así como os gastos de docencia e material escolar, as actividades deportivas, culturais e complementarias dos cursos. Tamén terán cubertos os gastos de mantemento e aloxamento.

O propósito do ambicioso programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras non é só que os asistentes aprendan inglés, senón que este idioma o apliquen durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, ou excursións. Todo isto permitirá darlles unha formación lingüística, social, cultural e ambiental aos alumnos.

Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes practiquen o idioma de forma intensiva, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos de diversas nacionalidades.

Ao igual que acontece nos campamentos, dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse lingüisticamente, pero tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos vivirán con familias ou en residencias e todos terán a oportunidade de desenvolver actividades fóra das aulas, nas que se inclúen excursións, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.

Un ano máis a Consellería de Educación demostra o seu interese por formar aos estudantes galegos nos coñecementos dunha terceira lingua que complemente os estudos do curso escolar.