O conselleiro de Educación entregou premios extraordinarios a 41 estudantes galegos

Os galardóns repartíronse entre os gañadores da fase autonómica do X Concurso Hispanoamericano de Ortografía, os premios extraordinarios de Bacharelato de Galicia 2008-2009, e os de Formación Profes

Ven, 18/12/2009 - 09:52
Xesús Vázquez na entrega de premios do X Concurso Hispanoamericano de Ortografía
Xesús Vázquez na entrega de premios do X Concurso Hispanoamericano de Ortografía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo entrega hoxe dos premios relativos á fase autonómica galega do X Concurso Hispanoamericano de Ortografía. No mesmo acto tamén foron recoñecidos cos premios extraordinarios os estudantes de Bacharelato de 2008-2009, e os de Formación Profesional Específica de Grao Superior do 2007-2008. En total Vázquez Abad fixo entrega de 41 galardóns, nun acto desenvolvido no Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

O conselleiro recordou que se trataba dun recoñecemento ao esforzo académica e que "sonunha peza clave da política de estímulo e mellora da calidade do Sistema Educativo de Galicia. Cada un destes galardóns ten as súas características propias pero todos eles naceron cun propósito común de recoñecer públicamente a traxectoria excepcional de alumnos e alumnas dos nosos centros e premiar así a súa dedicación e bo facer no día a día". Durante a súa intervención, Vázquez Abad destacou o apoio dos centros dos 41 alumnos e alumnas así como o das súas familias xa que "os pais sodes os primeiros educadores e os centros engaden logo o seu esforzo e orientación".

Galardóns de prestixio

Sobre o premio de ortografía, Vázquez Abad destacou que se trata dun "galardón de grande prestixio, no que se recoñece o dominio da linguaxe escrita". Neste apartado os premiados foron Lucía Barrera López, do IES Pedrouso de Burela; e Alba López Fernández, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela. Ambas estudantes representaron a Galicia o pasado mes de novembro no concurso nacional, no que os participantes tiveron que escribir e puntuar correctamente palabras e frases da lingua española que lles dictaban. Os alumnos con máis repostas correctas foron superando diferentes roldas eliminatorias ata alcanzar un gañador, que foi o representante dos centros no exterior do Ministerio de Educación, Pablo Giomi.

Durante a segunda parte da cerimonia de entrega o conselleiro recoñeceu o labor dos alumnos e alumnas distinguidos cos premios extraordinarios de Bacharelato, correspondentes ao curso 2009-2010. Trátase de nove estudantes da provincia de A Coruña, seis de Pontevedra, catro de Lugo e un de Ourense, ao que o conselleiro dirixiuse dicindo que "estes premios son aproba do esforzo e do interese demostrado nesta etapa, crucial para o voso futuro, un futuro que agora continuades na universidade", e recordoulles que eles comezaron estes estudos "nunha data límite, xa que é o 2010 o ano no que culmina a converxencia de case 50 países no Espazo Europeo da Educación Superior, que é un ambicioso e complexo plan que puxeron en marcha os países do vello continente para favorecer a converxencia europea en materia de educación".

Premiados de Formación Profesional

Finalmente realizouse e entrega dos 19 galardóns que recoñecen o labor desenvolvido polo alumnado na Formación Profesional en Grao Específico de 2007-2008. A todos eles Xesús Vázquez Abad recordoulles que, segundo as últimas valoracións dos seus estudos "preto do 81% das persoas tituladas de F.P. atopou emprego nos seis meses seguintes á finalización do ciclo formativo, e en máis do 70% dos casos o seu traballo está relacionado cos estudos cursados". Engadiu, que desde a Consellería de Educación estase a traballar para introducir modificacións na Formación Profesional, que dixo "producirán unha maior empregabilidade, maior mobilidade profesional, mellora da inserción laboral, acceso a calquera estudo universitario desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior e, por último, a validación dos estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios".

Antes de finalizar, un dos premiados polo seu rendemento en Bacharelato, Jesús Armesto Barros, procedente do IES David Buján de Cambre, pronunciou unhas palabras de agradecemento; ao igual que o fixo a directora do IES nº1 de Ordes, Dolores Iglesias Remuñan. O peche foi un concerto a cargo dun cuarteto de clarinete formado por alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

Na entrega de premios estiveron presentes o secretario xeral da Consellería de Educación, José Luis Vázquez, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez.

Deste xeito a Consellería de Educación remata unha semana na que recoñeceuse o esforzo e o traballo de máis de 150 estudantes galegos, comezando polos 80 estudantes que iniciaron os seus estudos no Sistema Universitario Galego neste curso 2009-2010, viron recoñecidos públicamente os seus esforzos, ao recibir o premio de excelencia académica para o curso 2008-2009.