A Consellería de Educación multiplica por catro o número de auxiliares de conversa que contribuirán a ensinar linguas estranxeiras nos centros plurilingües

Estes centros impartirán ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira

Ven, 18/06/2010 - 18:35
Imaxe da reunión da mesa sectorial
Imaxe da reunión da mesa sectorial

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai multiplicar por catro o número de auxiliares de conversa que axudarán ao ensino de linguas estranxeiras nos centros plurilingües, colexios e institutos nos que se incrementará ata un terzo o horario lectivo impartido nunha lingua estranxeira.

Así, o ano académico 2010/2011 será o primeiro no desenvolvemento da experiencia, polo que esta irá dirixida ao alumnado do primeiro curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria. Despois, a iniciativa irase estendendo progresivamente ao resto dos cursos ata completar a totalidade da etapa educativa.

Desde o primeiro momento, os auxiliares de conversa colaborarán nestes centros, co fin de apoiar ao profesorado, sobre todo, na parte de comunicación oral. Así mesmo, a Consellería de Educación velará por que estas medidas de apoio estean a disposición dos centros, tanto das cidades como das vilas e poboacións máis pequenas.

O obxectivo dos centros plurilingües será o de promover o desenvolvemento dun currículo integrado das linguas que se ensina nos centros educativos, favorecendo ao mesmo tempo a transferencia dos coñecementos e competencias dunha lingua a outras. O fin último e o de fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado.

Solicitude ata o 15 de xullo

Para formar parte desta rede de centros plurilingües, os centros sostidos con fondos públicos deberán solicitalo á Consellería de Educación antes do 15 de xullo. Para iso, terán que adquirir o compromiso de participar e realizar as actividades de formación deseñadas pola Consellería, e de colaborar no desenvolvemento dos procesos de avaliación do alumnado respecto das súas competencias lingüísticas.

Profesorado formado

O profesorado dos centros plurilingües que imparta materias distintas das linguas nun idioma estranxeiro contará con medidas de apoio específicas para desenvolver o seu traballo. Para iso, cada un dos centros terá unha persoa coordinadora do programa de plurilingüismo. Ademais, a Consellería programará para estes docentes sesións de formación e de coordinación entre centros, profesoras e profesores que recibirán un certificado de innovación educativa equivalente a 50 horas de formación. Así mesmo, disporán de recursos didácticos, materiais específicos e orientacións didácticas para o programa das correspondentes materias.

Para poder impartir as súas clases nunha lingua estranxeira, os docentes deberán acreditar estar en posesión do nivel B2 do Marco Común de Referencia das Linguas (MCERL), e estar habilitados pola Consellería se é o caso. Para facilitar esta habilitación, o profesorado participante terá preferencia na participación na formación específica para probas de acreditación de niveis do MCERL.

Vantaxes para o alumnado

Ademais de obter as referidas competencias lingüísticas, as alumnas e alumnos destes colexios ou institutos recibirán unha certificación da dirección do centro de ter realizado nun centro plurilingüe esta etapa educativa. Da mesma forma, este alumnado terá preferencia na participación nos programas específicos de formación para a realización de probas para a acreditación de niveis do MCERL, e nos programas de formación lingüística da Consellería.

Por outra banda, os centros plurilingües prestarán especial atención á diversidade dos escolares, con apoio para superar as dificultades que os estudantes poidan ter coa aprendizaxe das linguas estranxeiras, especialmente daquel con necesidades específicas de apoio educativo.

Esta axuda dirixirase tamén ao alumnado que se incorpore ao inicio da etapa sen o grao de dominio da lingua estranxeira propio do seu nivel ou curso, a través de programas específicos para este colectivo.

Mesa sectorial

Co fin de que as alumnas e os alumnos galegos poidan aproveitar as vantaxes destes centros canto antes, a Consellería de Educación ten previsto poñelos en marcha o vindeiro curso. Para iso, hoxe foi negociada a orde para a regulación destes centros na Mesa Sectorial Docente non Universitaria cos sindicatos.

Tal e como indicou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, esta é unha das primeiras iniciativas a poñer en marcha o vindeiro curso “para a potenciación das linguas estranxeiras en Galicia”. Neste sentido, o director xeral lembrou que “todos sabemos que é imprescindible ter coñecementos de inglés para moverse no mundo globalizado, e o que queremos é darlle esta oportunidade a todos os alumnos. Polo tanto trátase dunha medida democratizadora”.

Jose Luis Mira destacou así mesmo que este “é un proxecto que inicia a súa andaina”, e mostrou a súa confianza en que nos vindeiros anos “se vaia creando unha rede de centros plurilingües en toda a Comunidade Autónoma que cumpra o obxectivo de que todos os alumnos de Galicia teñan a oportunidade de rematar a etapa educativa con competencias suficientes en inglés”.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia volve demostrar o seu compromiso coa aprendizaxe das linguas estranxeiras, unha ferramenta fundamental nos nosos días, e que lles abrirá aos escolares no futuro as portas do mundo investigador e do mercado de traballo.