A ONCE impulsa a adaptación de recursos educativos en lingua galega para as persoas con discapacidade visual

Política Lingüística e a delegación territorial da Once en Galicia colaboran para que estas persoas poidan desenvolver a súa vida cotiá en galego

Ven, 18/06/2010 - 16:40

A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), a través da súa delegación territorial en Galicia, continúa a impulsar a adaptación de material en lingua galega para atender as necesidades das persoas con discapacidade visual, grazas ao convenio de colaboración que vén de asinar coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, onde puido comprobar o importante labor que se leva a cabo para transcribir ao sistema Braille e mais para gravar os libros e textos que son solicitados polos estudantes con discapacidade visual e mais outros materiais educativos de grande interese e utilidade.

 Garantir a atención das necesidades dos colectivos de diferentes características para que todas as persoas poidan desenvolver a súa vida cotiá en galego é un dos obxectivos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Por iso, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo colabora coa ONCE, co fin de que os estudantes con discapacidade visual poidan acceder aos materiais educativos en lingua galega. 

 Materiais en galego para as persoas con discapacidade visual

Ademais de xerar empregos directos e indirectos, a ONCE resolve de xeito autónomo a atención especializada que requiren as máis de 68.000 persoas cegas e con discapacidade visual españolas ás que agrupa. A través do seu Centro de Recursos Educativos en Pontevedra, a ONCE leva a cabo a transcrición, gravación e adaptación de libros editados en lingua galega solicitados polos seus afiliados, de acordo coas prioridades recollidas na súa normativa interna, coa finalidade de facilitar e fomentar entre os seus membros a lectura, o estudo e o traballo en galego.

Menús News node R

Departamento

Colectivo