Preto de 200 centros educativos desenvolverán este curso plans específicos de formación do profesorado para responder ás súas propias necesidades, no marco da convocatoria da Consellería de Cultura e Educación

O departamento educativo da Xunta de Galicia vén de publicar a resolución, na que se detallan os centros que se incorporan á iniciativa e os que participan nela por segundo ano consecutivo

Trátase dunha nova aposta da Xunta de Galicia, enmarcada no Plan Anual de Formación do Profesorado, pola actualización dos coñecementos dos docentes como un dos eixos fundamentais para a mellora da calidade educativa

Mar, 29/10/2013 - 12:40
 Preto de 200 centros educativos desenvolverán este curso plans específicos de f
Preto de 200 centros educativos desenvolverán este curso plans específicos de formación do profesorado para responder ás súas propias necesidades, no marco da convocatoria da Consellería de Cultura e Educación

Preto de 200 centros educativos – 197 en concreto- desenvolverán ao longo deste curso 2013/2014 plans de formación do profesorado específicos, adecuados ás particularidades da súa propia comunidade educativa, ao abeiro da convocatoria realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do Plan Anual de Formación do Profesorado. Na primeira convocatoria destes plans, que se desenvolveu ao longo do curso 2012/2013, participaron 68 centros educativos con cadanseu plan, que implicaron a formación de 1.552 docentes e un investimento da Consellería de preto de 220.000 euros.

O portal educativo /portal/  publica hoxe a resolución na que se detallan os centros que se incorporan a esta iniciativa, unha nova aposta da Xunta de Galicia pola actualización dos coñecementos dos docentes como un dos eixos fundamentais para a mellora da calidade educativa. Estes plans de formación, para os que a Consellería prestará o seu apoio económico e humano – a través dos Centros de Formación e Recursos e do Centro Autonómico de Formación e Innovación- son ademais unha aposta máis pola autonomía dos centros educativos á hora de analizar as súas fortalezas e eivas e plantexar estratexias de reforzo, un eido que tamén se está a traballar desde os contratos-programa.

Liñas de traballo

As propostas que deberon presentar os centros xiran arredor dalgunha das sete liñas de traballo contempladas na convocatoria, referidas á programación, desenvolvemento e avaliación de competencias básicas, facendo especial fincapé no tratamento das linguas, tanto propias como estranxeiras; á integración didáctica das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs), e ao uso para o traballo cooperativo en rede a través de espazos virtuais; á mellora da xestión dos centros e dos procesos de calidade; á convivencia escolar e o clima da aula;  e ás propostas para a atención á diversidade e os cambios metodolóxicos asociados. As liñas seis e sete foron as referidas ás accións encamiñadas a mellorar o desempeño profesional docente e á actualización científica e didáctica do profesorado, e á xestión directiva dos centros, respectivamente.

Para seren seleccionados, cada centro tivo que propoñer un plan integrado por un ou dous itinerarios formativos en relación con algunha das devanditas liñas de traballo; itinerarios que estarán compostos por, polo menos, dúas ou tres actividades, tales como seminarios, cursos ou grupos de traballo.

Os materiais que xurdan do desenvolvemento de cada un dos plans que finalmente se autoricen poderán poñerse en común para o beneficio de toda a comunidade educativa galega e a difusión das boas prácticas dos centros, en prol dunha mellora da calidade do ensino.