As actividades de ‘Falaredes’ chegan esta semana á Laracha, Ribadavia, Cangas, Lousame e Brión, da man da Consellería de Cultura e Educación

‘Acuario’, ‘As pombas de Carboeiro’ e ‘Rosalía Pequeniña’ continúan o seu itinerario polas localidades da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia para impulsar o uso do galego no lecer a través do teatro e da música en directo

Xov, 24/10/2013 - 17:00
Imaxe do espectáculo
Imaxe do espectáculo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa durante estes días tres das actividades do proxecto de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, destinado á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. “Acuario”, “As pombas de Carboeiro” e “Rosalía Pequeniña” chegarán desde hoxe aos concellos da Laracha, Ribadavia, Cangas, Lousame e Brión, para impulsar o galego no lecer a través do teatro e da música en directo.

‘Rosalía Pequeniña’ en Cangas e Lousame

A primeira das actividades previstas para esta semana é “Rosalía Pequeniña”, un concerto familiar de 50 minutos no que a cantante Uxía versiona os poemas máis sobranceiros de Rosalía de Castro, coincidindo coa celebración do 150.º aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”. Acompañada polos acordes de Santi Cribeiro e Sérgio Tannus, a coñecida artista canta pezas tan coñecidas como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño” a ritmo de blues, rock ou muiñeira, para achegarlles aos máis pequenos o galego no tempo de lecer por medio da poesía cantada.

A proposta chega hoxe á tarde a Cangas, cun pase no Auditorio Municipal ás 18:00 horas, e poderá gozarse o domingo en Lousame, no salón de actos da Casa da Cultura “Santeiros de Chave”, ás 19:00 horas. Como en todas as actividades do programa “FalaRedes 2013” a entrada é de balde con capacidade limitada.

‘Acuario’ na Laracha

A poesía volve ser a ferramenta para achegarlle o idioma á xente miúda da casa en “Acuario”, neste caso, combinada con teatro. A escritora María Canosa e o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos levan a escena a palabra, o humor, a música en directo e os monicreques nunha peza baseada no poemario “Acuario”, para amosarlles a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

O “Acuario” chega esta tarde á Laracha mercé á colaboración da Deputación da Coruña no programa “FalaRedes 2013”, cun pase no baixo da Biblioteca Municipal ás 19:00 horas.

‘As pombas de Carboeiro’ en Ribadavia e Brión

‘As pombas de Carboeiro’ é a proposta que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ao público xuvenil, sobre todo ao adolescente, dentro desta edición de “FalaRedes”, cun espectáculo multidisciplinar baseado no teatro e na música. O elenco artístico de “Fantoches Baj” monta unha peza coa banda de música municipal do concello anfitrión, para achegarlle o idioma á mocidade por medio dunha das maiores afeccións da xente nova. Toda a veciñanza está convidada á representación final, que estes días terá lugar en Ribadavia e en Brión. Na primeira das localidades o sábado, cun pase na Casa da Cultura ás 20:00 horas, e na segunda o domingo, ás 17:00 horas, no Centro Social Polivalente.

O percorrido de “FalaRedes 2013” continúa ata decembro polos concellos da RDL. Toda a información e o calendario completo no web www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013, así como nas redes sociais.

Menús News node R