A aposta da Consellería de Cultura e Educación pola calidade da FP galega recibe o respaldo da cidadanía cun incremento da matrícula do 44,12 % no último lustro

Este curso matriculáronse en ciclos formativos e PCPI 50.076 alumnas e alumnos, un 4,67 % máis que no curso anterior

De entre os que cursan FP ou bacharelato, optan pola FP o 63,4% dos estudantes, mentres que o 36,6% escolle cursar Bacharelato

O número de prazas vacantes neste curso 2013/2014 é de 2.331

O número de profesores de FP tense incrementado neste curso en 93 docentes

Mar, 22/10/2013 - 18:14
A aposta da Consellería de Cultura e Educación pola calidade da FP galega recibe
A aposta da Consellería de Cultura e Educación pola calidade da FP galega recibe o respaldo da cidadanía cun incremento da matrícula do 44,12 % no último lustro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de ver respaldada a súa aposta pola calidade das ensinanzas de formación profesional cun novo incremento do número de persoas en ciclos formativos. Así, e con case a totalidade dos datos de matriculación en ciclos de Formación Profesional no 2013/2014 recompilados, o incremento do número de matriculados nestas ensinanzas no último lustro foi do 44,12%. Este curso estudarán FP un total de 50.076 alumnas e alumnos, 15.530 máis ca no 2008/2009 e 2.235 máis (4,67%) ca no 2012/2013. O número de prazas vacantes neste curso 2013/2014 é de 2.331.

Desta forma confírmase o éxito da estratexia desenvolvida polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para o impulso e posta en valor da FP como un sistema de oportunidades, tanto para o acceso ao mundo laboral como para a cualificación e formación ao longo da vida das persoas adultas.

Cómpre salientar ademais que Galicia continúa a achegarse á tendencia da Unión Europea, ao incrementar o número de alumnas e alumnos que se decantan pola FP fronte aos que escollen o Bacharelato. De entre os que cursan FP ou bacharelato (un total de 81.637 persoa), optan pola FP o 63,4% dos estudantes, mentres que o 36,6% escolle cursar Bacharelato. Ao longo destes cinco cursos a porcentaxe de estudantes que se matriculan na FP medrou do 51,86% do curso 2008/2009 ao 63,4% do 2013/2014-, mentres que a dos que escollen o Bacharelato diminuíu do 48,14% do 2008/2009 ao 36,6% de 2013/2014.

Curso 2013/2014

No curso 2013/2014 cursarán estudos de FP en Galicia 50.076 alumnas e alumnos. Deles, 34.511 están matriculados en ciclos formativos no réxime ordinario. No réxime para adultos, incluíndo presencial, FP a distancia e FP Dual, están matriculados 12.548 estudantes. Ademais, 3.017 alumnas e alumnos cursarán estudos de formación profesional en Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI).

O incremento pode observarse na seguinte táboa:

Cadro FP

Máis oferta e rede de CIFP

Para dar resposta ao interese da cidadanía pola FP a Consellería ten incrementado considerablemente a oferta de ciclos formativos nos últimos 5 cursos. En concreto ten incrementado nun 21,6% a oferta de prazas en centros públicos respecto das que había no curso 2008/2009, o maior incremento de prazas dado nunha lexislatura, e realizado ademais nun contexto de crise económica; o que supón ademais un importante incremento do profesorado nestas ensinanzas: 93 profesores máis que no ano académico anterior.

Tan só no curso actual ofértanse como novos 30 títulos, algúns deles substituíndo aos equivalentes títulos da LOXSE. Neste sentido cómpre lembrar asemade que Cultura e Educación ten xa adaptados ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia un total de 75 currículos de Formación profesional -30 de grao medio e 45 de grao superior-, un complexo proceso que desenvolveu en menos de 4 anos.

Ao mesmo tempo estase a fortalecer e rede de Centros Integrados de Formación Profesional, coa creación no último lustro de 9 CIFP (Paseo das Pontes, Ferrolterra, Coroso, Politécnico de Lugo, As Mercedes, Portovello, A Carballeira-Marcos Valcárcel, A Xunqueira e Manuel Antonio) ata conformar unha rede de 19 centros dependentes de Cultura e Educación.

FP dual e a distancia

Cómpre salientar ademais neste período a posta en marcha por primeira vez da FP Dual en Galicia, un total de 5 proxectos en 5 ciclos diferentes: o superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos,  o ciclo medio de Carrozaría, o ciclo superior de Química industrial, e os ciclos de grao medio en Servizos en Restauración e en Cociña e Gastronomía.

Ademais, nestes cinco cursos implantouse en Galicia por primeira vez a FP a distancia. De feito, o departamento educativo da Xunta de Galicia está a poñer o acento na ampliación da oferta a distancia, reafirmando así a posición de Galicia como unha das comunidades autónomas á cabeza nesta modalidade de FP. Así, aos ofrecidos nesta modalidade incorporáronse 6 novos ciclos formativos diferentes, ata acadar unha oferta de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. Cómpre salientar que 5 centros ofrecen esta formación por primeira vez este curso, en concreto, o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), o  CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel (Ourense), o IES Luis Seoane (Pontevedra), e o IES Audiovisual (Vigo).