O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio de colaboración co Ministerio de Educación para a aplicación do proxecto 'Escuela 2.0'

O Goberno central achegará 4 millóns de euros, a mesma cantidade que a Consellería de Educación, para implantar esta iniciativa en Galicia
Xov, 17/12/2009 - 14:16

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación para a aplicación en Galicia do proxecto 'Escuela 2.0'. Este acordo suporá o desembolso de catro millóns de euros por cada unha das partes asinantes, co fin de integrar as tecnoloxías da información e comunicación (TIC) nos centros educativos.

Coa implantación do 'Escuela 2.0', dotarase ás aulas galegas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria de taboleiros dixitais e conexión sen fíos a internet. Ademais, cada docente, alumno e alumna destes mesmos cursos terá o seu ordenador portátil, que empregará como ferramenta de traballo, tanto na clase como na casa.

Para garantir a correcta aplicación deste proxecto educativo, o profesorado recibirá a formación adicional necesaria para se adaptar ao ritmo que marcan as novas tecnoloxías. Esta formación estará asegurada non só nos aspectos técnicos, senón, sobre todo, nos metodolóxicos e sociais, para a integración destes recursos na súa práctica docente cotiá. As autoridades educativas porán tamén á disposición do profesorado contidos educativos dixitais e ferramentas informáticas que garantan o uso controlado das TIC no ámbito escolar, suxeitos preferentemente ás licenzas públicas de Creative Commons, que permiten compartir e empregar contidos sen necesidade de aboar dereitos de autor.

Por outra banda, a chegada desta iniciativa e a súa adaptación á realidade de Galicia suporá o desenvolvemento dos sectores informáticos e editoriais e unha nova oportunidade de nos situar entre os países máis avanzados no uso das TIC.

Unha estratexia propia

'Escuela 2.0' intégrase no proxecto galego de incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) á práctica educativa, denominado proxecto 'Abalar', que integra plenamente as novas tecnoloxías na práctica educativa cotiá, tanto desde o lado da docencia como desde o da aprendizaxe, implicando a todos os actores da comunidade educativa: profesores, alumnado e familias.

Así, nunha primeira fase (2009-2010), 'Abalar' equipará máis de 700 aulas de primaria e secundaria, alcanzando 14.000 alumnos e preto de 2.500 profesores. O proxecto, durante os próximos catro anos, estenderá as súas actuacións a máis de 4.400 aulas distribuídas en 1.085 centros, o que permitirá dar cobertura técnica a 87.400 alumnos.

O obxectivo é crear centros educativos dixitais, en que os métodos de ensino, os materiais, en xeral, os recursos educativos, pasen de ser os tradicionais aos dixitais, algo fundamental como punto de partida para lograr un éxito na carreira da dixitalización.