A Xunta de Galicia participa no proxecto europeo no que escolas rurais galegas traballan coa computación na nube para mellorar a formación do alumnado e a colaboración entre os docentes

A Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participan no proxecto 'RuralSchoolCloud', no que escolas do noso rural e de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido experimentarán con metodoloxías e ferramentas na nube

O Centro de Supercomputación de Galicia coordinará a iniciativa, que aproveita experiencias 'cloud' como a posta en marcha en colaboración coa Consellería e a Amtega nos CRA de Boqueixón, Vilaboa, Ponteceso e Ribadavia

Lun, 21/10/2013 - 14:10
A Xunta de Galicia participa no proxecto europeo no que escolas rurais galegas t
A Xunta de Galicia participa no proxecto europeo no que escolas rurais galegas traballan coa computación na nube para mellorar a formación do alumnado e a colaboración entre os docentes

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vai participar no proxecto de investigación europeo “RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning” (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), que estudará metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) - acompañado polo grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC- coordinará a iniciativa, que aproveita experiencias 'cloud' como 'Rede Escolas na Nube', posta en marcha en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e a Amtega nos CRA de Boqueixón - Vedra, Consuelo González de Vilaboa, Nosa Señora de Faro de Ponteceso e Amencer de Ribadavia, e que lle valeu prestixiosos premios como o EducaRed, Premio Iniciativa Emprendedora, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou o I Premio Computer World Iberoamericano. Son precisamente estas escolas as que participarán nesta nova iniciativa.

A iniciativa contará ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboran tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos ubicados no rural ou en zonas con dispersión poboacional.

Intercambio de experiencias

RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes.

As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.