Investigadores de fóra de Galicia poderán colaborar ata final de ano nos proxectos que está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca bolsas de estadías para participar en traballos sobre fraseoloxía galega, terminoloxía, tradución automática e recuperación de textos literarios galegos, entre outros

Xov, 17/06/2010 - 14:48

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca bolsas de estadías destinadas a investigadores de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para que poidan colaborar nos proxectos de investigación que está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

As bolsas están destinadas a licenciados e licenciadas, ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

Os adxudicatarios das bolsas de estadías colaborarán nos diversos proxectos que actualmente ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro. Trátase de traballos de investigación  en materia de humanidades, concretamente, de Fraseoloxía galega, Identidade galega, Dicionarios de literatura, Informes de literatura galega, Bibliografía da literatura galega, Tradución automática, Bibliografía de lingüística galega (Bilega), Análise morfolóxica e sintáctica automática, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Estudos de terminoloxía,  Edicións facsimilares de revistas literarias e prensa da emigración galega, Síntese e recoñecemento de voz, Recuperación de textos literarios galegos, Literatura galega medieval, Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga) e Base de datos do Atlas Lingüístico.

Criterios de selección e prazo de solicitude

Para a valoración de solicitudes, terase en conta o expediente académico, o proxecto presentado para solicitar a bolsa e mais o número de artigos publicados en revistas científicas e os cursos relacionados coa investigación á cal opta.

As persoas interesadas en concorrer a este concurso público poderán remitir as súas solicitudes desde mañá ata o próximo 19 de xullo.

Promover a investigación sobre lingua galega

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un servizo da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo primordial a promoción e o desenvolvemento de proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión.

A través desta convocatoria de bolsas de estadías para investigadores de fóra da comunidade galega, que vén funcionando ininterrompidamente desde o ano 1997, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pretende potenciar a investigación sobre o galego. Ao mesmo tempo, as bolsas de estadía constitúen unha importante vía para difundir a lingua galega, a súa literatura e a súa historia fóra das fronteiras administrativas da comunidade

Menús News node R