113 concellos solicitaron as axudas de Política Lingüística destinadas a fomentar o uso do galego no ámbito local

Anxo Lorenzo salientou no Parlamento que a convocatoria lles dá prioridade ás localidades de menos de 3.000 habitantes que se presenten agrupadas

Mér, 16/06/2010 - 16:24

Un total de 113 localidades solicitaron as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico en concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior a 3.000 habitantes e mais ao desenvolvemento de programas de fomento do uso do galego. Así o confirmou hoxe o responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior.

Preguntado polo Bloque Nacionalista Galego sobre o acceso a estas axudas dos concellos de menos de 3.000 habitantes, o secretario xeral asegurou que, “lonxe de discriminar esta tipoloxía de localidades, a resolución dálles prioridade a estes concellos no caso de que decidan presentarse agrupados”. Así se establece nos criterios de avaliación de solicitudes, onde se lles outorga a máxima puntuación, 30 puntos, ás agrupacións que inclúan localidades de menos de 3.000 habitantes para a creación dun servizo lingüístico compartido.

Servizos lingüísticos compartidos

Anxo Lorenzo fixo fincapé en que os concellos con menos de 3.000 habitantes que contan con servizo –un total de cinco, actualmente– “entenderon perfectamente os obxectivos que persegue a concesión de axudas en materia de promoción lingüística para este ano 2010”. Neste sentido, o secretario xeral destacou o caso de Vilasantar, que conta cunha unidade técnica local, ten arredor de 1.500 habitantes e presentou a súa solicitude xunto co concello de Curtis”. Ao igual que fixo Boimorto, unha localidade duns 2.300 habitantes que solicita a creación dun servizo lingüístico compartido co concello de Sobrado dos Monxes, outra poboación de menos de 3.000 habitantes.

Ante esta situación, o secretario xeral incidiu en que “non hai lugar a dúbidas de que estes concellos con menos de 3.000 habitantes que contan con servizo actualmente poden optar ás axudas de Política Lingüística”. “E o que é máis –engadiu Anxo Lorenzo–, van ter prioridade na avaliación das solicitudes e van compartir o seu servizo con outras localidades que non dispoñían del”.

Ademais destes, outros concellos presentaron a súa solicitude para acceder a estas axudas na modalidade de agrupamento. É o caso de Carballedo e San Cristovo de Cea, ambos con menos de 3.000 habitantes. Ou da Mancomunidade da Mariña Lucense, da que forman parte, entre outros, os concellos de Alfoz, Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Trabada, Ribadeo, O Valadouro, Lourenzá, Viveiro ou Xove.

Estender as accións de fomento do galego a todo o territorio

O agrupamento dos concellos que se contempla na nova orde de axudas ás entidades locais pretende incidir tanto “na consolidación como na viabilidade técnica e económica das unidades técnicas locais e responde á tendencia crecente á cooperación entre concellos. Neste sentido, engadiu Anxo Lorenzo, “desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística estamos convencidos da necesidade e da importancia de promover a cooperación no ámbito local para estender a prestación de servizos lingüísticos e favorecer que as medidas de fomento do galego cheguen con máis amplitude e eficacia á cidadanía”.

Declaracións de Anxo Lorenzo

Menús News node R

Departamento

Colectivo