O concello de Lugo e Política Lingüística presentan unha edición facsimilar da revista Ronsel

A obra inclúe numerosos traballos acerca desta publicación de 1924 que impulsou a presenza da lingua galega no mundo das artes

Lun, 14/06/2010 - 16:23
Portada da revista Ronsel
Portada da revista Ronsel

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, presentaron hoxe unha edición facsimilar da revista Ronsel, publicación de 1924 que impulsou a presenza da lingua galega no mundo das artes.

A través deste traballo, realizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o Concello de Lugo e Política Lingüística contribúen á difusión e ao recoñecemento da cultura galega, simbolizada, neste caso, nunha revista que tivo o seu berce en Lugo e que buscaba conectar esta terra, e o resto de Galicia, cos movementos vangardistas do momento.

Na presentación da obra tamén participou Luís Alonso Girgado, responsable, xunto con Élida Abal Santorum e Alexandra Cillero, desta edición.

Conectar Galicia e a lingua galega coa modernidade

Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo fincapé no feito de que os mozos que promoveron a creación de Ronsel levaran, naquel momento histórico, “a lingua das feiras e dos mercados ás páxinas de revista tan moderna”. Así mesmo, Anxo Lorenzo salientou que “a publicación de Ronsel supón atribuírlles a Correa-Calderón, a Álvaro Cebreiro ou a Álvaro Gil a intención de mudar o estado de cousas, de mudar o curso da historia de Galicia”. “Faríano –engadiu o secretario xeral– conectando Lugo e Galicia coa modernidade cultural do resto do mundo e a lingua galega, co ámbito das artes”.

A revista Ronsel

A revista Ronsel, dirixida por Evaristo Correa Calderón e con Álvaro Cebreiro como director artístico, editouse entre os meses de maio e novembro de 1924. Publicáronse un total de seis números, nos que participaron como redactores, entre outros, Manuel Antonio, Eugenio Montes, Luís Pimentel, Francisco Luís Bernárdez e Fernández Mazas.

A publicación subtitulouse nun primeiro momento “Revista de arte”, malia que esta definición non respondía con exactitude ao seu contido, polo que no número seis, o último, se substituíu por “Revista de la nueva generación gallega”.

Edición facsimilar con traballos de estudosos e investigadores de Lugo

A obra que veñen de presentar Política Lingüística e o Concello de Lugo constitúe unha edición facsimilar do orixinal de 1924, “plenamente axustada aos parámetros dos exemplares orixinais e absolutamente respectuosa con eles”.

Ademais, a obra inclúe magníficos e eruditos traballos de estudosos e investigadores de Lugo, como Juan José Moralejo Álvarez, Silvia Alonso, Darío Xohán Cabana, Ana Goy Diz, Araceli Herrero, Manuel Celso Matalobos, María Isabel Morán, María Xesús Nogueira, Xulio Pardo, Armando Requeixo, Ángeles Rodríguez Fontenla e Juan Soto Gutiérrez.

Así mesmo, a obra conta con dúas addendas de grande interese. Por unha banda, o facsímile do Número Conmemorativo do cincuentenario da publicación (1924-1974) e, por outra, o estudo Ambiente culturale ed esiti letterari della rivista gagliega Ronsel, do profesor  Otello Tavoni, tamén en edición facsimilar.

Menús News node R

Departamento

Colectivo