Cultura e Educación colabora cun concerto ‘dislocado’ no que os músicos tocarán desde distintos emprazamentos do mundo

A Rede será o espazo sonoro común desta orixinal proposta, que se retransmitirá vía internet desde a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e desde Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un dos escenarios do concerto

Ven, 20/09/2013 - 12:45
Cultura e Educación colabora cun concerto ‘dislocado’ no que os músicos tocarán
Cultura e Educación colabora cun concerto ‘dislocado’ no que os músicos tocarán desde distintos emprazamentos do mundo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, colabora cun concerto que se retransmitirá vía internet e no que os músicos tocarán desde distintos emprazamentos do mundo.

Esta orixinal proposta, ideada e coordinada por Manuel Martínez Torres, é unha aposta pola exploración das numerosas posibilidades que internet lle brinda ao mundo da música. Así, empregará a Rede para dotar dun espazo sonoro común as melodías chegadas dende diversos lugares, grazas á mestura que o profesor de Acústica do Conservatorio de Oviedo e  pioneiro da música electroactústica en España, Miguel Fernández, levará a cabo desde o Museo MARCO de Vigo. 

O salón de actos da biblioteca Ánxel Casal acollerá esta tarde, a partir das 19:30 horas, a retransmisión, vía ‘streaming’, deste orixinal concerto ‘dislocado’, que consistirá na execución dunha obra de xeito simultáneo e en directo, interpretada por diferentes seccións musicais dende distintos espazos de Europa de forma illada e independente.

Catro espazos sonoros

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), dependente da Secretaría Xeral de Cultura, será un dos escenarios deste concerto e tamén o retransmitirá vía internet.  Concretamente, acollerá a execución musical do piano, á que se suman unha sección de corda en Trento, unha de vento en Vigo e unha de madeira en Porto. Todas elas estarán baixo a dirección do director titular da Orquestra Clásica de Vigo, Manuel Martínez Álvarez-Mena, que é membro do colectivo artístico Plastic Crowds, impulsor desta iniciativa.

O todo sonoro resultante, xunto coas imaxes dos músicos sincronizada coa música, ademais de ser retransmitido na Biblioteca Pública Ánxel Casal no CGAC, tamén será reproducido en directo en diferentes espazos culturais como o IVAM (Instituto Valenciano de Arte Moderno), o KABK (Royal Academy of Art, The Hague), o MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León), MUTUO Centro de Arte de Barcelona ou o Karakedi Kültür Merkezi de Istambul, nun intento de divulgación e difusión da música contemporánea.

A composición que se interpretará neste concerto, e que se poderá escoitar tamén a través da páxina web www.dislocatedconcert.com, é orixinal e está composta para a ocasión por Juan Eiras, Xesús Xosé Iglesias, Manuel María Veiga, Olga García, Diana Dimitrijeva, Valentina MAsstti e Demetrio Vonvecchio, baixo a coordinación do profesor de composición do Conservatorio Superior de Música de Vigo Juan Eiras.