Cultura e Educación incrementou en máis de 9.000 comensais, un 18,5%, o número de usuarios de comedor escolar xestionado pola Xunta respecto dos que había no bipartito

Estímase que o número de usuarios servizo de comedor no curso 2013-2014 nos centros públicos ascenderá a 70.296, dos cales 12.480 usarían os comedores xestionados polas ANPAS e polos concellos

A Consellería incrementou desde 2007 o orzamento destinado ao servizo do comedor escolar desde os 14 aos 27,8 millóns de euros, case o dobre

Mér, 18/09/2013 - 13:42

A Consellería de Cultura e Educación incrementou desde o curso 2008/2009 - o último do Goberno Bipartito- en 9.000 comensais o número de usuarios de comedor escolar xestionado pola Xunta, grazas a un esforzo inversor que, segundo explicou hoxe no Parlamento o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, chega xa aos 27,8 millóns de euros este curso, fronte aos 14 millóns do ano 2007, case o dobre.

Nunha comparecencia a petición propia na Comisión 4ª de Educación e Cultura o secretario xeral explicou que as estimacións do número de usuarios do servizo de comedor no curso 2013-2014 nos centros públicos ascende a 70.296, dos cales 12.480 usarían os comedores xestionados polas ANPAS e polos concellos. Neste sentido lembrou que a Consellería acaba de incorporar ao comezo de setembro a 910 usuarios que antes estaban xestionados por ANPAS “e que de media satisfacían un prezo moi superior do que agora van pagar co novo decreto de comedores”. Ademais explicou que esta primeira semana do inicio do curso comezan a recibirse de centros educativos solicitudes de novas prazas, que están a ser estudiadas e avaliadas, para contrastalas coas posibilidades de persoal de comedores e das dispoñibilidades orzamentarias, xa que moitas seguirán a ser gratuítas, en función dos niveis de renda de cada familia.

Ademais do incremento substancial de usuarios, o secretario xeral sinalou que o orzamento de 27,8 millóns de euros destinado a comedores permitiu que desde 2007 se tela incrementado nun 16,4% o número de centros públicos con comedor xestionados pola Consellería, nun 27,9% o número total de centros con comedor financiado con fondos públicos da Xunta; e nun 26,9% o número total de alumnos usuarios de comedores.

Un decreto axustado á legalidade

Durante a súa comparecencia o secretario xeral técnico recalcou que o novo decreto de comedores se axusta ao ordenamento xurídico, tal e como quedou reflectido no ditame do Consello Consultivo do 22 de xullo e que. Segundo explicou Oitavén, o ditame conta unicamente cun voto particular, no que mesmo a presidencia considera que nada impide que se establezan formulas de participación no financiamento do servizo mediante prezos públicos ou tarifas. O sentido do voto particular, que non conculca a validez da conclusión favorable do ditame, refírese aos usuarios escolarizados fóra do seu concello de residencia, que considera deberían quedar fóra da participación no pagamento. Con todo, o ditame do Consultivo establece, de xeito literal, que “o proxecto de decreto se adecúa ao ordenamento xurídico”.

Respecto do axuste do decreto á Lei Orgánica de Educación (LOE) o secretario lembrou que esta norma establece que tan só é obrigatorio e gratuíto o servizo de transporte - e non o de comedor- para os alumnos que reciban educación por non existir no seu concello de residencia situado en zona rural ningún dispositivo escolar.

Neste sentido explicou ademais que ao amparo da LOE outras Comunidades Autónomas, como é o caso de Andalucía, teñen o servizo de comedor e de transporte escolar disociado e, polo tanto, outorgan bolsas sen vinculación, porque os transportados non teñen necesariamente gratuidade.

Negociación

No que atinxe á elaboración e negociación do decreto o secretario xeral técnico lembrou que a Consellería incorporou no texto as achegas de aqueles que quixeron aportar melloras (ANPE, da Xunta Autonómica de Directores e Comité Intercentros...), aceptou suxestións do tramite de audiencia publica, dos órganos consultivos sectoriais e as de mellora do texto que realizou o Consello Consultivo.

Así mesmo lamentou a actitude de algunhas organizacións, como FETE-UXT , que "na sesión do Consello Escolar do de 27 de xuño de 2006 -onde se debateu o proxecto de decreto de comedores escolares vixente nas pasadas lexislaturas-  se manifestouse a favor de que as familias con poder adquisitivo pagaran cota, pero agora, na actual situación, formularon a oposición a un decreto que se basea na capacidade económica dos usuarios". Ademais lembrou que co decreto do Bipartito as familias xa pagaban polo uso do comedor, e que mesmo a anterior conselleira socialista manifestara no 2007 a pertinencia de adecuar o custe dun servizo á capacidade do usuario. 

Un sistema máis xusto

O novo sistema de xestión dos comedores vén corrixir os sistema establecido polo Bipartito en 2007, no que resultaba insolidario que só os usuarios de transporte escolar gozasen da condición de comensais gratuítos nos comedores. "Iso orixinaba situacións autenticamente paradóxicas, como que unha familia con niveis moi elevados de renda que residía a máis de dous quilómetros do centros non pagaba o menú diario do seu fillo e, pola contra, unha familia en paro con fillos que ían ao colexio sen ser transportados si pagaban ou directamente non tiñan praza de comedor".

Como exemplos da inxustiza que supoñía o sistema anterior o secretario sinalou tamén casos nos que “unha familia cuns niveis de renda que lle permitían residir nunha urbanización de luxo situada a máis de dous quilómetros do centro educativo e utilizaba transporte escolar non pagaba nada polo menú diario do seu fillo. Un menú que era sufragado integramente cos recursos públicos da Consellería. Mentres que, pola contra, unha familia que vivía a UN quilómetro do centro e non utilizaba o transporte escolar, aboaba un prezo de 1,6 euros ou 3,21 euros, en función da súa renda”.

Pola contra, co novo decreto establécese o acceso como comensal en función de criterios de renda, un modelo máis xusto e solidario no que os recursos públicos se destinarán a atender ás familias máis necesitadas. Ao seu abeiro en torno a un 70% dos usuarios pararán 1 euro ou menos, “e desa porcentaxe, estimamos que un 57 por cento non pagará nada”, polo que en dúas lexislaturas a Xunta terá incrementado en máis de 18.000 o número de prazas nos comedores escolares que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas e noutras 2.000 só haberá que pagar un euro por menú.