Xesús Vázquez participa na inauguración do novo curso da unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O conselleiro e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela asinaron en 2012 un protocolo de colaboración para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia

Esta colaboración reforza o compromiso da Consellería coa educación inclusiva, que ten o seu referente normativo no Decreto de Atención á Diversidade

Sáb, 14/09/2013 - 12:30
Xesús Vázquez Abad na inauguración do curso da unidade de altas capacidades da U
Xesús Vázquez Abad na inauguración do curso da unidade de altas capacidades da USC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración do novo curso 2013/2014 da unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela; unidade que conta co apoio do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Este apoio da Consellería á iniciativa da universidade compostelá entronca co compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia por unha educación inclusiva, que ten o seu referente normativo no Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes galegos, elaborado e publicado durante a pasada lexislatura. Grazas a este decreto, a Consellería e a comunidade educativa galega están a traballar da man en prol dunha escola inclusiva, na que cada alumnos poida obter os mellores resultados de acordo coas súas potencialidades.

Neste acto, celebrado na Facultade de Psicoloxía da USC, o conselleiro salientou o compromiso da Consellería - a través do Decreto para atención á diversidade- “de poñer os recursos para que todo o alumnado reciba a atención necesaria, tendo en conta tanto as súas potencialidades como as súas necesidades educativas”. “É preciso - incidiu- explotar as potencialidades de cada persoa. Sería imperdoable deixar escapar as posibilidades dunha soa persoa por non saber atender ás súas singularidades individuais ou por non conceder ao mundo das emocións, á intelixencia emocional, a importancia debida”.
Xesús Vázquez remarcou ademais o papel clave do profesorado na atención educativa á diversidade, salientando a importancia da súa formación permanente como un “dos factores determinantes da mellora da calidade do ensino e, en consecuencia, nun obxectivo prioritario para a Administración educativa”.

A Consellería colabora coa unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC a través do protocolo de colaboración asinado polo conselleiro, Xesús Vázquez, e o reitor da USC, Juan Casares, en agosto do 2012, co fin de optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia. Ademais desde o departamento educativo da Xunta de Galicia estanse a impulsar, en distintos centros educativos galegos, actividades de formación continua para profesionais do ensino no eido das altas capacidades intelectuais, nas que tamén participa a USC.

Colaboracións

Durante a inauguración do novo curso, a directora da unidade e profesora na Facultade de Psicoloxía da USC, Carmen Pomar Tojo, fixo balance da actividade realizada por esa unidade, en colaboración con institucións como a Consellería, a Fundación Barrié de la Maza ou o Concello da Coruña. Entre eles elas destacou iniciativas como o estudo de prospección realizado en EEUU para a formación do profesorado galego na detección de talento, o Programa de Enriquecemento da Asociación de Altas Capacidades de Galicia -que conta con dúas décadas de tradición na USC-, o obradoiro para rapaces no marco do programa Educa Coruña ou as Xornadas sobre Intelixencia Emocional, da man dun dos maiores expertos mundiais na materia, Rauven Bar-On.

Ademais, neste acto presentouse a nova web da unidade e deuse a benvida ás rapazas, rapaces e familias que van participar nas súas diferentes liñas de traballo. Igualmente, presentáronse dous proxectos do pasado curso: as curtas Metamorfose 5 e Turn Around.

Proxectos

Metamorfose 5 é unha curta realizada polas 23 rapazas e rapaces participantes no proxecto QVO, no marco do Programa Educa Coruña (Concello da Coruña), coa axuda dos 7 profesores que traballaron con eles o curso pasado na Casa do Home (Domus) na Coruña, abordando o tema do Bullying ou Acoso Escolar. Dirixido por Carlos Seijo, na parte cinematográfica, e por Carmen Pomar, na parte educativa, a fita estreouse o pasado mes de maio na sala de proxeccións da Domus

Pola súa banda, Turn Around é unha curta realizada polos rapaces e rapazas do grupo “Magrathea”, do Programa de Enriquecemento da Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC), no que o pasado curso participaron 250 rapazas e rapaces. O traballo é unha representación dos múltiples resultados aos que dan lugar estes obradoiros: desde unha revista chamada Crisis Creativa, ata experimentos científicos ou traballos de enxeñaría ambiental, entre outros. A idea xurdiu no obradoiro de actuación, que tivo como profesora á actriz Estívaliz Veiga, e contou coa dirección técnica de Eduardo Lavandeira. A curta foi estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no mes de xuño.