Un total de 25.183 galegas e galegos formalizaron xa a súa matrícula no primeiro curso da formación profesional, que aínda conta con 5.227 prazas vacantes

A Consellería incrementou nun 21,6% o número de prazas ofertadas en centros públicos respecto das que había no curso 2008/2009, o maior incremento de prazas dado nunha lexislatura, e realizado nun contexto de crise económica

O incremento de prazas supón ademais un importante incremento de profesorado nestas ensinanzas

Os centros educativos farán pública a listaxe de alumnado admitido nos PCPI o día 13 de setembro, o que incrementará aínda máis o número de alumnado na FP galega

Ven, 13/09/2013 - 19:44
Un total de 25.183 galegas e galegos formalizaron xa a súa matrícula no primeiro
Un total de 25.183 galegas e galegos formalizaron xa a súa matrícula no primeiro curso da formación profesional, que aínda conta con 5.227 prazas vacantes

Un total de 25.183 alumnas e alumnos formalizaron xa a súa matrícula no primeiro curso de ciclos de Formación Profesional para o curso 2013/2014. Neste momento a FP galega conta aínda con 5.227 prazas vacantes a disposición de todos os interesados en cursar estas ensinanzas.

No curso 12/13 a FP galega contou con case un 38% de estudantes matriculados na FP máis ca no curso 2008/2009, froito do interese crecente da cidadanía polos ciclos formativos. A día 4 de setembro, entre primeiro e segundo curso de FP había xa 40.630 matriculados, polo que se pode agardar que a FP repetirá o seu éxito un curso máis.

Cómpre recordar que a Consellería ten incrementado nun 21,6% a oferta de prazas en centros públicos respecto das que había no curso 2008/2009, o maior incremento de prazas dado nunha lexislatura, e realizado ademais nun contexto de crise económica; o que supón ademais un importante incremento do profesorado nestas ensinanzas.

No que atinxe aos Programas de Cualificación profesional Inicial (PCPI), os centros educativos farán pública a listaxe de alumnado admitido en cada un dos programas ofrecidos o día 13 de setembro, o que incrementará aínda máis o número de alumnado na FP galega.

Demanda en ciclos formativos

Respecto da demanda en ciclos formativos, cómpre sinalar que o maior número de solicitudes se concentra nos centros das grandes cidades, especialmente nos ciclos da familia Sanitaria e no de Educación Infantil da familia de Servizos Socioculturais e a Comunidade. Así mesmo, o ciclo de grao medio de Cociña e Gastronomía da familia de Hostelaría e Turismo é un dos máis demandados polos solicitantes, en especial nos centros de ensino das cidades.

A próxima adxudicación de prazas realizarase o 24 de setembro, tras o que se abrirá o prazo de matrícula ata o 26 do mesmo mes. Unha vez publicada a listaxe de prazas adxudicadas tamén se publicará a listaxe daqueles ciclos e módulos con prazas dispoñibles e sen listaxe de espera (prazas liberadas) nas que se poderá matricular libremente calquera persoa con requisitos de matrícula e por rigorosa orde de chegada.