A Consellería de Cultura e Educación dá resposta ás necesidades dos centros de ensino galegos con máis de 2.400 profesionais dedicados á atención á diversidade

O departamento educativo da Xunta de Galicia pon a disposición dos centros un total de 62 profesionais máis que no curso 2012/2013, entre coidadores, especialistas en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe

Ven, 13/09/2013 - 19:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará resposta este curso 2013/2014 ás necesidades dos centros de ensino galegos con máis de 2.400 profesionais dedicados á atención á diversidade. Neste sentido cómpre salientar que o departamento educativo da Xunta de Galicia reforza este curso a presenza destes profesionais nos centros, a través da contratación de 62 especialistas máis dedicados a estes estudantes, sen contar cos orientadores, que tamén xogan un papel fundamental na atención á diversidade.

Así, no 2013/2014 haberá 35 profesores máis de Audición e Linguaxe, 9 especialistas máis en Pedagoxía Terapéutica, ademais de 18 novas persoas que exercen labores de coidador.En concreto, un total de 615 especialistas en Audición e Linguaxe, de 1.354 en Pedagoxía Terapéutica prestarán servizo en colexios e institutos de Galicia durante o curso 2013/2014 para atender estas necesidades, amais de 463 coidadores.

Deste xeito a Consellería reforza a súa aposta pola igualdade de oportunidades para todos os estudantes, de acordo co espírito que inspirou o Decreto para atención á diversidade, referente normativo para o traballo en Galicia en prol da escola inclusiva.