Dous novos títulos da Biblioteca ESAD achegan a obra teatral de recoñecidas autoras internacionais a través do galego

Política Lingüística, a Editorial Galaxia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia presentaron hoxe en Vigo os últimos volumes desta colección

Xov, 10/06/2010 - 14:15
Dous novos títulos da Biblioteca ESAD
Dous novos títulos da Biblioteca ESAD achegan a obra teatral de recoñecidas autoras internacionais a través do galego

A colección de textos dramáticos Biblioteca ESAD vén de incorporar dous novos volumes á súa produción. Trátase de Obra dramática completa, de Sarah Kane, e mais Catro pezas, de Caryl Churchill. Estes dous títulos foron presentados hoxe en Vigo, na sede da Escola Superior de Arte Dramática, nun acto presidido polo director desta entidade, Manuel F. Vieites; polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e polo director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes.

A Biblioteca ESAD, un proxecto no que participan estas tres entidades, constitúe unha serie dedicada a obras teatrais universais traducidas ao galego, que se puxo en marcha o pasado 2009 con tres volumes: Calígula e O malentendido, de Albert Camus; outro é A Electra acáelle o loito, de Eugene O’Neill; e un terceiro reúne as pezas Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A paz perpetua, de Juan Mayorga.

Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística destacou que, a través deste proxecto, se pon á disposición dos profesionais do teatro material para poderen representar as obras de autores de recoñecemento internacional en galego. Ao mesmo tempo, engadiu o secretario xeral, búscase “incentivar a edición en galego” e mais “fomentar a proxección da literatura nesta lingua”.

Así mesmo, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de potenciar a incorporación da lingua propia de Galicia ás actividades de lecer a través de ámbitos como a arte dramática. 

Obras de dramaturgas de recoñecemento internacional

Respecto dos últimos volumes publicados nesta colección, a Obra dramática completa inclúe cinco textos dramáticos (Derruba, Amor de Fedra, Límpidos, Degoiro e 4.48 Psicose) e un guión (Pel). A súa autora, Sarah Kane, é unha das grandes innovadoras do teatro inglés do último cuarto do século XX. O segundo dos títulos é Catro pezas, de Caryl Churchill, dramaturga británica de gran recoñecemento e proxección na escena internacional. Esta obra recolle os textos dramáticos Sétimo ceo, Mozas de primeira, Lonxe e De serie.

Ademais, ambas as obras contan cun interesante e documentado limiar de Manuel F. Vieites, autor da tradución dos dous títulos.

Menús News node R

Departamento

Colectivo