A Consellería de Cultura e Educación recorda que mañá remata o prazo para a presentación de solicitudes para os novos ciclos de FP Dual

UNVI, Repsol e FEPROHOS son as tres entidades empresariais coas que o departamento autonómico colabora para adecuar as ensinanzas dos ciclos formativos ás necesidades de formación do conglomerado empresarial

Entre as tres entidades, este curso darase emprego a un total de 60 alumnas e alumnos

Xov, 05/09/2013 - 10:17
A Consellería de Cultura e Educación recorda que mañá remata o prazo para a pres
A Consellería de Cultura e Educación recorda que mañá remata o prazo para a presentación de solicitudes para os novos ciclos de FP Dual

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recorda que mañá – día 6- remata o prazo para presentación de solicitudes das novas ofertas de FP Dual, un proxecto que pretende adecuar as ensinanzas dos ciclos formativos ás necesidades específicas de formación que demandan as empresas. O departamento autonómico colabora con entidades empresariais UNVI, Repsol e FEPROHOS, organizacións implicadas en sectores clave e emerxentes da economía galega, e que a partir deste curso acollerán a actividades laboral dun total de 60 alumnas e alumnos. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro venres día 6 ás 13.00 horas nos centros nos que se imparten os diferentes FP Dual.

As 60 prazas ofertadas polo departamento de Educación repártense entre as titulacións de grao medio en Carrozaría, do IES Universidade Laboral (Ourense); o grao superior en Química industrial, do IES A Sardiñeira (A Coruña); e os graos medios en Servizos de Restauración do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e de Cociña e Gastronomía no CIFP Manuel Antonio (Vigo); en colaboración coa UNVI, Repsol e FEPROHOS, respectivamente. Os ciclos formativos terán unha duración de dous cursos, nos que se combinará a formación curricular con traballo remunerado na empresa (arredor do 48 % dos dous cursos que duran os ciclos), a excepción do grao medio en Carrozaría, que se estenderá a tres anos académicos.

Estes proxectos experimentais supoñen un paso máis cara á empregabilidade do alumnado. Cos contratos de traballo desta modalidade as alumnas e alumnos acóllense ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesma en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.

Con estas novas catro propostas en materia de FP Dual da Consellería de Cultura e Educación, neste curso se terán beneficiado xa 75 alumnas e alumnos, logo de que no pasado ano se puxera en marcha o ciclo superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, en colaboración coa empresa Coremain.

Proceso de selección

A selección do alumnado admitido en cada ciclo formativo será realizada pola entidade colaboradora correspondente a partir das solicitudes presentadas polas persoas que cumpran os requisitos establecidos. O procedemento de admisión realizarase en dúas fases: a primeira, de recolla de documentación e verificación dos requisitos, que será efectuada polo centro educativo; e a segunda, de selección das persoas admitidas, que realizará a entidade colaboradora. A empresa fará probas de coñecementos e capacitación profesional e entrevistas psicoprofesionais para seleccionar as persoas có mellor perfil para desenvolver a actividade laboral a desempeñar.

O modelo de solicitude está dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. Ademais, os interesados poderán consultar a listaxe coa relación definitiva de persoas solicitantes e o lugar e hora da convocatoria para a realización da segunda fase de selección no taboleiro de anuncios dos centros educativos e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. Desta mesma maneira e unha vez finalizado o proceso de selección, tamén se poderá coñecer a listaxe de persoas en espera ordenadas por orde de prioridade, e a listaxe de persoas non seleccionadas.