Política lingüística pon en marcha un ambicioso sistema de formación en liña para potenciar a aprendizaxe do galego

A secretaría xeral presentou hoxe o primeiro curso na rede orientado á preparación das probas de certificación de lingua galega

Mér, 09/06/2010 - 14:30
e foi presidido polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polo  pr
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o presidente de INEO, Jorge Cebreiros na presentación do curso.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe o primeiro curso en liña orientado á preparación das probas de certificación de lingua galega no nivel 1. Trátase do inicio da posta en marcha dun ambicioso sistema de formación a través dunha plataforma virtual que ten como obxectivo potenciar a aprendizaxe do galego.

O acto tivo lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, e foi presidido polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polo  presidente de INEO, Jorge Cebreiros; e pola coordinadora dos contidos do curso, Margarita Chamorro. Ademais, unha das autoras dos contidos, Xandra Santos, realizou unha presentación práctica do curso.

Potenciar a aprendizaxe do galego mediante fórmulas didácticas innovadoras

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo salientou a súa satisfacción por presentar o primeiro curso en liña para preparar as probas Celga e incidiu neste novo sistema de aprendizaxe como unha peza básica dos programas de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ao mesmo tempo, o secretario xeral salientou que “este curso constitúe unha aposta decidida de Política Lingüística por darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego” e mais por “aproveitar as vantaxes que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación para os medios formativos”. Neste sentido, o curso Celga 1 en liña responde ao obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de “potenciar a aprendizaxe do galego neste sector da poboación mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios”, concluíu.

Tipos de actividades e seguimento do avance do alumnado

O curso Celga 1 en liña, composto por dez unidades, está deseñado como unha ferramenta de traballo á  disposición do usuario, para facilitar a súa aprendizaxe e permitir a súa autonomía. Unha vez que accede á unidade coa que quere traballar, o usuario pode avanzar por esta de forma secuencial e automatizada ou seleccionar calquera dos tres bloques dos que consta para comezar a traballar.

No curso diferéncianse tres tipos de actividades. En primeiro lugar, actividades pechadas. En segundo lugar, actividades pechadas e semiabertas. E, finalmente, actividades pechadas e abertas. As dúas últimas implican o envío, por parte do alumno ou alumna, da actividade ao titor ou titora para a súa corrección. Nas primeiras, é a propia actividade a que lle dá un feedback inmediato e progresivo ao alumno, mediante o botón “A túa resposta”.

Así mesmo, en cada unha das actividades pechadas o alumno conta cun número máximo de seis intentos permitidos para resolver a actividade, antes de que o curso lle dea a solución de maneira automática. En calquera caso, o alumno pode enfrontarse a unha mesma actividade tantas veces como considere necesario, ata cumprir os seus obxectivos de aprendizaxe.

Para a realización das actividades, o estudante conta cun cadro de “Interactividade” con indicacións do que debe facer. Dentro da diversa tipoloxía de exercicios, atópanse a colocación da frase correcta nun diálogo, o emparellamento de elementos gráficos coa súa definición en texto, a elección da resposta correcta, a reprodución oral de palabras etc.

Moitas destas actividades esixen que se active o audio para escoitar algún exemplo ou o micrófono para facer unha gravación; outras levan incorporada a explicación gramatical correspondente.

Para ter unha idea xeral do seu grao de avance, o alumnado pode consultar información de utilidade que mostra a proporción de actividades realizadas en cada unidade. Ademais, recolle a dedicación en horas, minutos e segundos ao traballo en cada unidade.

Vantaxes da formación e-learning

O curso Celga 1 en liña foi deseñado por INEO, unha asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e comunicación. Está baseado nunha metodoloxía multimedia, que emprega os máis avanzados recursos de imaxe e son como apoio aos contidos tratados, e interactiva, xa que lle permite ao usuario traballar en todas as competencias lingüísticas.

A iniciativa posta en marcha por Política Lingüística aproveita as vantaxes da formación e-learning. Neste sentido, ofrece diferentes ferramentas de comunicación sincrónica e asincrónica para os estudantes e os profesores, ao tempo que elimina as barreiras espazo temporais e favorece a autonomía do alumnado. Ademais, o curso en liña facilita a actualización dos contidos e pon á disposición dos estudantes un amplo volume de información.

O primeiro curso Celga 1 en liña tamén promove a interactividade en múltiples ámbitos, grazas a ferramentas como foros, chat, correo-e etc., permite a combinación de materiais audiovisuais, visuais e auditivos, posibilita unha formación grupal e colaborativa e permite que nos servidores poida quedar rexistrada a actividade realizada polos estudantes. Ademais, este novo sistema de formación favorece a atención de demanda dun maior número de alumando, tende a reducir o tempo de aprendizaxe e, ademais, aforra custos e desprazamentos.

Data do curso e matrícula

O curso desenvolverase desde o 4 de setembro ata o 12 de novembro. Para inscribirse, as persoas interesadas deben enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es, na que indiquen o nome e apelidos, o DNI con letra, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e mais o nivel de estudos. O prazo de matrícula está aberto desde hoxe ata o próximo día 15 de xullo.

A selección farase por rigorosa orde de inscrición e ata cubrir as 105 persoas en total que se admitirán nos cursos. A listaxe de admitidos, cos grupos de cada curso e co titor ou titora encargado de cada un, farase pública na páxina web www.xunta.es/linguagalega. Tamén se indicará o lugar e a hora en que as persoas admitidas serán convocadas para a presentación e a explicación do desenvolvemento do curso