Vázquez Abad comproba o avance das obras no CEIP Froebel de Pontevedra, no que a Consellería de Cultura e Educación ten previsto investir máis de 1,7 millóns de euros

Neste momento estase a executar a segunda das tres fases nas que se realizarán os traballos, cun orzamento que supera os 200.000 euros

Os traballos de mellora desta segunda etapa, que rematarán a comezos deste curso, afectan ao espazo de primaria e á zona de acceso lateral do edificio

Ven, 23/08/2013 - 10:51
Vázquez Abad comproba o  avance das obras no CEIP Froebel de Pontevedra
Vázquez Abad comproba o avance das obras no CEIP Froebel de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP Froebel de Pontevedra co gallo de comprobar o estado da segunda fase das obras emprendidas no centro cun orzamento de 199.785 euros. O proxecto de reforma do CEIP pontevedrés, que se desenvolve en tres fases, ten custo total de máis de 1,7 millóns de euros. Os traballos de mellora desta segunda etapa, que concluirán a comezos deste curso, céntranse no espazo de primaria e na zona de acceso lateral do edificio.

Reforma integral

Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; pola directora do CEIP, María Teresa Couto; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; o conselleiro manifestou o compromiso que o seu departamento mantén en prol dunha educación pública e de calidade, que se materializa unha vez máis coa mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar neste histórico centro de ensino pontevedrés.

Deste xeito, grazas ao proxecto posto en marcha no ano 2012 estase a levar a cabo unha reforma integral das cubertas e o espazo interior e exterior do centro para mellorar a súa habitabilidade e accesibilidade. Os traballos inclúen a reparación de todas as cubertas da edificación, a rehabilitación interior e exterior dalgunhas aulas e zonas comúns, a reforma e anexión dun novo patio cun ascensor que comunique as tres plantas do edificio, a substitución de pavimentos interiores e falsos teitos, o pintado de diversas zonas e a reposición da carpintería, a substitución da instalación de electricidade e a reforma da iluminación, así como a colocación dun sistema de illamento térmico nas fachadas exteriores do edificio que permita un maior aforro enerxético. Estas melloras súmanse ás realizadas no ano 2010, por importe de máis de 76.000 euros, e coas que se actuou fundamentalmente sobre a cuberta do centro.

Segunda fase das obras

As obras de reparación estanse a realizar en tres fases e en bloques verticais para que non afecten ao desenvolvemento docente do centro. Na primeira fase, á que se destinaron máis de 515.000 euros entre outubro de 2012 e febreiro de 2013, os traballos centráronse na zona de entrada dende a rúa Afonso XIII, abarcando a fachada e o patio triangular que se incorporou á edificación e no que se construíu un ascensor que comunica as tres plantas da edificación.  

A segunda fase, cun orzamento de preto de 200.000 euros, púxose en marcha aproveitando os meses de verán e verase concluída a comezos deste curso. Nela estase a reformar dende a planta baixa ata as cubertas do espazo que comprende a zona de primaria e o acceso lateral do centro, incluíndo a parte traseira da fachada principal e o espazo que linda coa escola de Belas Artes, así como a antiga torre situada na zona de acceso lateral.

Na última fase, que está previsto que se desenvolva nos próximos meses, as obras dedicaranse ao volume central que dá á rúa General Martitegui, incluíndo as aulas de primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea ao mesmo.

Programas educativos

Este centro pontevedrés, que conta con 235 escolares, participa activamente nos programas máis innovadores postos en marcha pola Consellería, e para cuxo funcionamento o departamento educativo da Xunta de Galicia lle ten achegado ao centro preto de 60.000 euros nos últimos anos. Así, o CEIP Froebel forma parte do Proxecto Abalar, do cal se benefician 62 alumnas e alumnos que contan con cadanseu ordenador ultraportátil para o uso escolar en 3 aulas. Ademais, este CEIP de destacado nivel pedagóxico participa noutras iniciativas educativas punteiras, como é o Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras, formando parte da rede de seccións bilingües e contando cun auxiliar de conversa nativo; e está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) desde o curso 2008/2009.