A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar atención especializada a máis de 350 estudantes con discapacidade visual

O departamento de Vázquez Abad vén de asinar un convenio de colaboración coa ONCE para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asisten
Lun, 19/08/2013 - 12:43
A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar at
A Consellería de Cultura e Educación destina preto de 200.000 euros a prestar atención especializada a máis de 350 estudantes con discapacidade visual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, firmaron esta mañá un novo convenio de cooperación educativa entre ambas institucións para o establecemento de medidas encamiñadas á atención de persoas con discapacidade visual. A Consellería aportará aos equipos específicos da ONCE un total de seis profesionais do corpo de mestres, o que representa para o curso 2013-2014 un custo de 192.543 euros en beneficio de máis de 350 estudantes. Este profesorado destinarase tanto en Educación Primaria, 1º e 2ª da ESO como en centros e unidades de educación especial, garantindo a inclusión educativa deste alumnado a través da súa escolarización en centros ordinarios.

Renovación do compromiso

Este convenio dálle continuidade ao asinado en 2008 entre a ONCE e a Consellería de Cultura e Educación, poñendo de manifesto a implicación deste departamento autonómico coa dotación dos profesionais especializados para atender as necesidades do alumnado e coa educación de calidade para todas e todos. O éxito desta colaboración mantida dende anos atrás concrétase en que no curso 2012-2013 os equipos específicos (conformados por profesionais de ambas institucións) atenderon un total de 361 alumnas e alumnos con cegueira ou deficiencia visual grave.

Así, dita renovación garántelle a este alumnado a adaptación dos libros de texto e demais materiais curriculares –ben mediante a súa transcrición ao sistema Braille ou ben mediante a súa gravación–, a adaptación do posto de estudo, o desenvolvemento tecnolóxico sen exclusión de ningún estudante con discapacidade e a formación especializada na atención educativa.

Coa sinatura deste convenio, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue velando polo cumprimento do seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, reforzado a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.