Cultura e Educación aproba os concertos educativos para diferentes etapas educativas dos cursos 2013-2017

Cómpre recordar que na convocatoria publicada o pasado mes de abril aprobouse o orzamento para o período 2013-2017 que supón unha diminución de máis dun 7% anual respecto do 2009-2013

Mér, 14/08/2013 - 13:00

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que que se aproban os concertos educativos que se realizan no curso escolar 2013-2014 cos centros docentes e que suporán unha redución de dez unidades respecto do ano pasado, debido á diminución do alumnado e ó correspondente axuste á actual realidade. Así en total haberá 3.832 aulas nos ciclos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial e ciclos formativos de graos medio e superior para os próximos catro cursos académicos.

Importante diminución

Cómpre recordar que a convocatoria publicada o pasado 1 de abril de 2013 no DOG establecía para o período 2013-2017 un orzamento anual de 235.461.451,43 euros, 19.500.432,60 menos que o fixado na orde publicada o 21 de xaneiro de 2009.

Dito orzamento está destinado a cubrir o salario do persoal docente en pago delegado ademais dunha cantidade que se emprega en gastos variados entre os que se inclúen o mantemento, conservación e funcionamento dos centros, persoal de administración e servizos.... Deste xeito dáse conformidade á Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, que fai referencia á gratuidade deste tipo de ensinanzas.

Situación legal

Respecto dos centros que optan pola educación diferenciada a Consellería recorda que a sentenza do 13 de marzo de 2013 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estimatoria do recurso interposto polo sindicato dos traballadores do ensino de Galicia (STEG) contra a orde do 26 de agosto de 2009 non é firme, ao estar recorrida en casación ante o Tribunal Supremo por parte dos codemandados no procedemento (Fomento Centros de Enseñanza, S.A e Asociación Fontenova) e pendente, por tanto, do fallo do citado tribunal.

Ademais o marco normativo de referencia neste momento: a Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, recolle a directriz presente no ordenamento xurídico de inexistencia de prohibición ou limitación constitucional ou legal ao financiamento da educación separada por sexo (artigo 17) e nesta mesma liña, o anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa, actualmente en trámite, reitera e reafirma a cobertura legal do financiamento con fondos públicos da opción educativa diferenciada por sexo.

Neste contexto legal a Consellería considerou que o procedente nestes momentos, tendo en conta as solicitudes dos centros, a convocatoria publicada e as dispoñibilidades, é resolver no senso de non concertar as unidades de 1º de educación primaria ou secundaria, segundo o caso,  nos citados centros, e sí facelo respecto das unidades correspondentes aos 2º e seguintes cursos, garantindo, deste xeito, que o alumnado xa escolarizado non sufra alteración ningunha na súa traxectoria educativa e poida rematar os seus estudos nas mesmas condicións coas que as iniciaron, minimizando, de ser o caso, os posibles efectos no alumnado e familias en xeral, á espera do pronunciamento do Tribunal Supremo.