Cultura e Educación destina 1.697.000 euros para que 144 concellos de toda Galicia desenvolvan programas contra o abandono e fracaso escolar

O total das axudas concedidas este 2013 aumentan 339.482 euros (un incremento superior ao 24%) e involucran a 10.000 alumnos máis que no ano anterior

É o segundo ano que se desenvolve este programa que loita contra o fracaso escolar. A Consellería financia ata nun 80% o custe das actividades, a cantidade restante a asumen os concellos

Ven, 09/08/2013 - 10:24

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 1.697.517 euros para que 144 concellos de toda Galicia desenvolvan por segundo ano consecutivo programas contra o abandono e fracaso escolar. Grazas a estas axudas, máis de 50.000 escolares beneficiaranse dun programa que inclúe 554 actividades diferentes de apoio e reforzo educativo.

Deste xeito, os datos definitivos proban que este ano 2013 destínanse 339.482 euros máis que o ano anterior (un incremento superior ao 24%), conseguindo beneficiar a 10.000 alumnos e a 12 concellos máis que en 2012. A Consellería de Cultura e Educación financia ata nun 80% o custe destas actividades, sendo os concellos os que asumen a cantidade restante.

Segundo a orden de axudas, as actividades van destinadas ao alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar. Ademais, tamén van dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen acadar a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria ou superior.

Obxectivos das axudas

A finalidade deste programa é propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de Bacharelato ou de Formación Profesional de Grao Medio; atender aos alumnos con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de prepararse para as probas de graduado en ESO.

Asemade, trata de mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar; favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou o alumnado en risco de exclusión social; e impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír a taxa de abandono.

Actividades a subvencionar

Esta orde de axudas subvenciona todos aqueles que contemplen algunha destas actividades: creación de puntos de información e asesoramento educativo a nivel municipal; establecemento de talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos ou desmotivación para o estudo; habilitación de aulas de preparación de probas libres de Graduado en educación secundaria ou de probas de acceso a ciclos de Formación Profesional; creación de escolas de familias con alumnado en risco de abandono ou de exclusión social; e desenvolvemento de actividades de formación non regulada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo.

Así mesmo están incluídos os programas específicos de formación profesional para zonas e colectivos que presentan alta taxa de abandono coa formación necesaria para obter unha cualificación profesional de nivel un do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, e que poderán incorporar módulos apropiados para a adaptación ás necesidades específicas do colectivo beneficiario que facilite a reincorporación ao sistema educativo e a súa progresión dentro do mesmo.