O bibliófilo José Luis Basanta maniféstalle ao conselleiro de Cultura e Educación o seu desexo de contribuír a ampliar os fondos da Biblioteca de Galicia

Xesús Vázquez Abad reuniuse co estudioso, cunha ampla traxectoria na investigación en temas galegos así como en ámbitos científicos e técnicos en xeral

A incorporación de parte dos seus estudos e importantísimos fondos á Biblioteca de Galicia suporía unha oportunidade para o acrecentamento da mesma e que quedarían ao dispor dos investigadores e da cidadanía galega

Dom, 04/08/2013 - 10:41
O bibliófilo José Luis Basanta maniféstalle ao conselleiro de Cultura e Educació
O bibliófilo José Luis Basanta maniféstalle ao conselleiro de Cultura e Educación o seu desexo de contribuír a ampliar os fondos da Biblioteca de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo, reuníronse con José Luis Basanta Campos, quen manifestou o seu desexo de contribuír coa ampliación dos fondos que alberga a Biblioteca de Galicia. Así os fondos, entre os que se encontran tanto os seus propios estudos como os materiais de referencia nos que se apoiou para realizalos, poderán pasar, nun futuro, a ser parte da Biblioteca enriquecendo dun xeito ostensible os seus fondos.

No transcurso do encontro, o conselleiro amosoulle o seu agradecemento a Basanta por querer contribuír ao acrecentamento dos fondos patrimoniais da Biblioteca de Galicia. Nesta mesma reunión Vázquez Abad salientou o gran valor e interese que teñen as súas investigacións, tanto no relativo á temas especificamente galegos como aos reloxos de pedra en Galicia ou marcas de auga, que conforman unha colección dun gran valor intelectual e que abranguen tanto os eidos técnico como o e científico. Todo isto compón unha importante documentación que enriquecerán os contidos da Biblioteca de Galicia, espazo que Basanta Campos foi invitado a visitar.

O bibliófilo

Nacido na Fonsagrada en 1924, Basanta Campos desenvolveu a súa traxectoria profesional en diferentes empresas no ámbito da química e da electroquímica, ademais de ser durante 4 anos decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia. Grande  afeccionado á historia do papel e da reloxería, o seu labor a prol da cultura foi recoñecido coa súa entrada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Tamén conta coa Cruz de Oficial do Mérito Civil.