Un total de 236 titulados da FP galega beneficiáronse do programa de bolsas de formación impulsado por Cultura e Educación e FEUGA no primeiro ano de andaina do programa

O conselleiro cualificou esta iniciativa como un éxito, e unha clara oportunidade para abrirlles as portas ao mundo laboral a estas persoas, xa que o 28% delas atoparon emprego ao rematar o período formativo

A maiores, 11.557 estudantes de ciclos formativos realizaron o módulo de Formación en Centros de Traballo en 7.402 empresas no ano 2012

O 35,9 % do alumnado que rematou o módulo de FCT en 2011 foi contratado na empresa onde cursou este módulo

A Consellería vai ampliar este programa de bolsas aos titulados das ensinanzas de réxime especial

Lun, 22/07/2013 - 11:25
Rolda de prensa do balance do primeiro ano de funcionamento do Programa de Bolsa
Rolda de prensa do balance do primeiro ano de funcionamento do Programa de Bolsas de Formación profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), Francisco Javier Pereiro; presentaron hoxe en rolda de prensa o balance do primeiro ano de funcionamento do Programa de Bolsas de Formación profesional posto en marcha en marzo de 2012 ao abeiro do acordo de colaboración asinado entre ambas as entidades, unha iniciativa da que xa se beneficiaron 236 titulados dos ciclos, que desenvolveron o seu período formativo en 145 empresas. “É a primeira vez que se ofrecía ás persoas tituladas na FP galega a oportunidade de acceder a bolsas de formación remuneradas, en circunstancias de traballo reais”, salientou o conselleiro, cualificando ademais a experiencia como un éxito e “unha clara oportunidade para abrirlles as portas ao mundo laboral a estas persoas”. Non en balde, o 28% delas atoparon emprego ao rematar o período formativo, “unha porcentaxe moi importante no momento no que vivimos e coas actuais  cifras de desemprego xuvenil”.

Segundo explicou Francisco Javier Pereiro, “FEUGA considera fundamental contribuír a configurar un sistema educativo de calidade quen de responder ás necesidades do mercado, potenciar e artellar o tránsito do talento xurdido nos contornos da FP cara os sectores produtivos da economía galega e ofrecer un emprego cualificado, acorde co su nivel de formación, ao maior número posible de titulados”.

A maiores deste programa de bolsas, o conselleiro lembrou que a Consellería está a apostar por que os propios currículos dos ciclos formativos inclúan un módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT). “Non en balde este módulo está incluído nos 75 currículos que levamos adaptado en menos de 4 anos, case o 70% dos ciclos publicados polo Ministerio”, dixo. Neste sentido Xesús Vázquez explicou que no ano 2012 realizaron a FCT 11.557 alumnas e alumnos de FP nas 7.402 empresas que colaboraron connosco nesta formación. Ademais lembrou a importancia deste módulo para a inserción laboral, tal e como demostra o dato do último estudo realizado, segundo o cal o 35,9 % do alumnado que rematou esta formación en 2011 foi contratado na empresa onde cursou a FCT.

Ampliación ás ensinanzas de réxime especial

No marco desta rolda de prensa, na que tamén participou o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o conselleiro anunciou que a Consellería traballa xa en colaboración con FEUGA para ampliar este programa de bolsas de formación aos titulados das ensinanzas de réxime especial, é dicir titulados nas ensinanzas de artes plásticas e deseño e superiores de deseño, ensinanzas artísticas superiores equivalentes a grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, a grao en Arte dramática, a grao en Música e a grao en Danza, e titulados en ensinanzas deportivas.

“Será  a primeira vez que estas persoas poidan acceder a un programa de bolsas de formación remuneradas destas características e cun éxito que queda de manifesto nos datos que lles acabo de resumir”, dixo. Nesta liña agradeceu a FEUGA súa colaboración co Goberno galego “nesta tarefa na que toda a sociedade debe implicarse, que non é outra que a de crear oportunidades de emprego ás mozas e mozos que están a recibir nos centros educativos unha formación da mellor calidade”.

Ademais, tanto o conselleiro como o director xeral de FEUGA lembraron que ambas as entidades están xa a colaborar en materia de FP Dual, na que a Fundación funciona como xestora das retribucións que van recibir os alumnos, un total de 45 xa para o vindeiro curso, en 3 proxectos. Segundo indicou Pereiro, “FEUGA é unha ferramenta máis para o desenvolvemento da FP Dual, unha segunda vía para as empresas que queiran participar nesta modalidade de formación profesional no sistema educativo galego”.

Un programa moi valorado

Segundo o estudo realizado por FEUGA para valorar o acertado das bolsas para titulados de FP, case o 91% dos bolseiros e 91,5% dos titores valoraron positivamente este programa; considerando ademais o 94,55% dos estudantes e o 88,14% dos empresarios consideraron como boa ou excelente o grao de formación adquirida.

Tal e como sinalou o conselleiro, a implicación das dúas partes foi clara, cun número de entre 6 e 8 horas diarias dedicadas polos bolseiros a esta formación (no 90% dos casos). Pola súa parte, o 82% dos titores dedicou máis de 2 horas ao día a mellorar a formación destes titulados.

“O grao de satisfacción dos bolseiros non deixa lugar a dúbidas - dixo Vázquez Abad-. O 94,55% deles consideraron como boa ou excelente o grao de formación adquirida, o 89% valoraron como excelente ou moi bo o apoio recibido polos titores,e no 96,73% dos casos consideraron moi bo ou excelente o grao de integración na empresa na que realizaron prácticas”. Pola súa parte, os titores consideraron en máis dun 81,3% dos casos moi bo ou excelente a adaptación dos bolseiros á empresa, e case nun 88% dos casos excelente ou moi bo o grao de interese dos bolseiros na aprendizaxe".

O conselleiro quixo agradecer o gran traballo que está a desenvolver o profesorado da FP galega na formación das alumnas e alumnos. Non en balde a destreza dos bolseiros, na súa maioría recén saídos dos centros educativos, foi valorada como moi boa ou excelente no 81,3% dos casos, algo que non sería posible sen a profesionalidade dos docentes galegos e a súa implicación para ofrecer día a día unha formación de calidade.