‘Augalingua’ e ‘Rosalía Pequeniña’ continúan a súa xira polos concellos da Rede de Dinamización, impulsadas por Cultura e Educación

Desde hoxe e ata o domingo as dúas actividades de ‘FalaRedes’ levarán as xincanas lingüísticas e a poesía rosaliana cantada por Uxía ás localidades de Miño, A Pontenova, Ribas de Sil, Parada de Sil, O Barco de Valdeorras e A Veiga

Mér, 17/07/2013 - 17:22
‘Augalingua’ e ‘Rosalía Pequeniña’ continúan a súa xira polos concellos da Rede
‘Augalingua’ e ‘Rosalía Pequeniña’ continúan a súa xira polos concellos da Rede de Dinamización, impulsadas por Cultura e Educación

“Augalingua” e “Rosalía Pequeniña”, dúas das actividades que integran a edición 2013 do programa de fomento do uso do galego que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle destina á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, continúan a súa xira por localidades galegas. Desde hoxe e ata o domingo serán as quendas da Pontenova (Lugo), Parada de Sil (Ourense),  Miño (A Coruña), O Barco de Valedorras (Ourense), A Veiga (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo). Ambas as dúas actividades son de balde e están pensadas para dinamizar o uso do galego entre o público infantil e familiar.

En “Augalingua”, os cativos de 6 a 12 anos serán os protagonistas dunha divertida xincana lingüística na que terán que superar unha serie de probas de habilidade ou rapidez para conseguir o maior número de letras e construír unha palabra o máis longa posible. Nesta iniciativa, na que os participantes estarán acompañados polo monitorado de Reverso Comunicación, Lingua e Cultura, os máis pequenos da casa achegaranse ao idioma durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais.

As sesións desta xincana durante esta semana arrancan hoxe ás 16:30 horas na praia fluvial de San Clodio, en Ribas de Sil. Mañá, á mesma hora, na praia fluvial Pradomao daranse cita os cativos de Parada de Sil, para refrescaren corpo e lingua coas distintas dinámicas de animación.

O venres haberá dúas xincanas na provincia de Ourense, a primeira delas ás 10:30 horas na piscina municipal do Barco de Valdeorras e, a partir das 16:30 horas, a segunda na praia fluvial da Veiga. Ata final de mes, “Augalingua” dinamizará o uso do galego a través de divertidas xincanas infantís nun total de 17 concellos da RDL.

Rosalía musicada para festexar os 150 anos de ‘Cantares gallegos’ desde a RDL

Outra das actividades que “FalaRedes 2013” lles ofrece aos concellos participantes na RDL é o espectáculo musical familiar “Rosalía Pequeniña”, co que a Consellería que dirixe Xesús Vázquez os quere facer partícipes da celebración do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, fito que marcou o Rexurdimento das letras galegas. En “Rosalía Pequeniña”, a recoñecida cantante Uxía ponlles voz a 11 poemas de Rosalía de Castro acompañada da música do brasileiro Sérgio Tannus.

A ritmo de blues, muiñeira ou rock, a xente miúda da casa e as súas familias poderán achegarse aos poemas máis coñecidos da poetisa, como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño”, e seguir cantando en galego logo do remate do espectáculo. A iniciativa busca promover o idioma e a súa transmisión familiar a través dos afectos e da poesía cantada.

“FalaRedes” programa dúas sesións de “Rosalía Pequeniña” durante a fin de semana. A primeira delas o venres no auditorio municipal do Centro Social da Rúa da localidade coruñesa de Miño, ás 19:30 horas. A segunda no concello lugués da Pontenova, no salón de actos da Casa da Cultura, ás 20:30 horas. A entrada aos concertos é, coma sempre,  de balde.

Un cento de actividades con ‘FalaRedes’ ata decembro

O programa “FalaRedes 2013” é unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da RDL, coas que se pretende complementar a programación propia que esta entidade está a poñer en marcha durante este ano.

Logo do éxito da primeira edición, “FalaRedes 2013” desenvolverá durante este ano un cento de sesións das cinco actividades que o integran, coas que se pretende crear espazos de uso e de aprendizaxe en galego ligados ao lecer e á cultura moderna, para unir a imaxe da lingua galega aos valores positivos da sociedade contemporánea.

Ademais de “Rosalía Pequeniña” e “Augalingua”, integran o cartel do programa de dinamización lingüística o espectáculo teatral “As pombas de Carboeiro”- que retomará o seu itinerario en outubro- e o musical “A nena e o grilo nun barquiño”, que xa concluíu a súa xira por 18 concellos galegos con grande éxito. Nas vindeiras semanas darase a coñecer a última das iniciativas coas que o departamento de Cultura e Educación continuará a promover a lingua galega polas entidades locais adheridas á RDL.

Toda a información sobre o programa “FalaRedes 2013”, así como o calendario completo de actividades, está accesible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R