A Diocese Tui-Vigo comprométese a impulsar o uso do galego nas súas celebracións e actividades pastorais

O bispo Luis Quinteiro e o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asinaron un convenio para continuar colaborando no fomento do uso desta lingua no ámbito relixioso

Ven, 04/06/2010 - 14:49

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o bispo da Diocese Tui-Vigo, Luis Quinteiro, confirmaron a súa vontade de continuar colaborando na dinamización da lingua galega no ámbito relixioso. Fixérono durante a reunión que mantiveron hoxe en Vigo, na sede do bispado, na que afondaron nas actividades que a diocese levará a cabo este ano para potenciar o uso do galego nas súas celebracións e actividades pastorais.

A través deste programa de actuacións, que se enmarca no convenio de colaboración que veñen de asinar a Diocese Tui-Vigo e Política Lingüística, levarase a cabo, por unha banda, a elaboración de diverso material de distribución para estudar e concretar a aplicación do Plan de Acción Pastoral. Por outra banda, grazas ao convenio entre as dúas entidades, a diocese elaborará en galego as programacións das máis de vinte delegacións  e organismos pastorais, así como os libros parroquiais cos formularios para recoller os datos das partidas, que se utilizarán posteriormente para distintas dilixencias. Ademais, este ano realizarase o Libro de defuncións.

Promover o uso do galego entre máis de 500.000 fregueses

A diocese é a institución territorial superior dentro da organización xerárquica da Igrexa católica. No caso da de Tui-Vigo, esta atende unha freguesía de máis de 500.000 persoas, que se distribúen en 275 parroquias das que o núcleo máis grande é a cidade de Vigo. Desde o ano 2003, esta diocese vén colaborando coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para favorecer e potenciar o uso do galego nas actividades relixiosas que organiza para os seus fregueses.

A colaboración co ámbito da Igrexa

Co fin de favorecer a extensión do uso do galego na actividade eclesial, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén colaborando con diversas entidades do ámbito relixioso. Xunto coa Diocese Tui-Vigo, a Secretaría Xeral tamén asinou este ano un convenio de colaboración coa Diocese Mondoñedo-Ferrol, así como, a través do Arcebispado de Santiago de Compostela, coa Igrexa católica.

Menús News node R

Departamento