As xincanas lingüísticas de ‘Augalingua’ chegan a Vilamarín, Taboada, Monterroso e Guntín dentro do ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación

Xogos de lingua, de habilidade e de enxeño para dinamizar o uso do idioma propio de Galicia entre a rapazada

16 concellos da Rede de Dinamización Lingüística acollen a iniciativa durante este mes nas súas piscinas municipais ou en praias fluviais

Mar, 09/07/2013 - 10:27
As xincanas lingüísticas de ‘Augalingua’ chegan a Vilamarín, Taboada, Monterroso
As xincanas lingüísticas de ‘Augalingua’ chegan a Vilamarín, Taboada, Monterroso e Guntín dentro do ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación

A actividade “Augalingua”, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a semana pasada para dinamizar o uso da lingua galega entre a rapazada de concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chegará estes días ás piscinas municipais de Vilamarín, Taboada, Monterroso e Guntín, no marco do programa “FalaRedes 2013”.

Trátase de xincanas acuáticas que se desenvolven ao aire libre e que combinan xogos de lingua, habilidade e enxeño para fomentar o uso do idioma propio de Galicia entre cativos e cativas de 6 a 12 anos, acompañados por monitorado, no seu tempo de lecer. Tras o seu paso polas localidades de San Cristovo de Cea, Maside e Toén continúan hoxe o seu percorrido pola provincia ourensá e chegarán mañá á de Lugo, con catro paradas en localidades pertencentes á RDL ata o venres.

A primeira delas será hoxe, en Vilamarín, onde a xincana arrancará ás 16:30 horas na piscina municipal do Outeiro Maior. Mañá, mércores, será a quenda da rapazada de Taboada, que poderá refrescar corpo e lingua na piscina municipal de Medela, tamén desde as 16:30 horas. O xoves, á mesma hora, continuarán as xincanas estivais do galego en Monterroso (na piscina municipal da Peneda), que completarán a segunda semana de desenvolvemento da actividade o xoves, na piscina municipal de Guntín. As vindeiras localidades serán, a partir do mércores que vén, Ribas de Sil, Parada de Sil, O Barco de Valdeorras, A Veiga, Sarreaus, A Bola, Muíños, Ordes e Lalín.

A participación en “Augalingua” é balde e nela os cativos e cativas estarán acompañados/as por monitorado da empresa Reverso Comunicación Cultura e Lingua, xestora da actividade. Toda a información e o calendario de localidades poden verse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.

‘FalaRedes 2013’

O programa “FalaRedes 2013” -dentro do que se enmarca a actividade “Augalingua”- é unha das iniciativas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa e destina aos concellos da RDL, para fomentar neles o uso social do idioma e complementar a programación que para ese fin está a poñer en marcha a propia RDL durante este ano.

Logo do éxito da primeira edición, “FalaRedes” desenvolverá durante 2013 máis dun cento de actividades noutros tantos concellos, que contribuirán á creación de espazos de uso e de aprendizaxe en galego ligados ao lecer e á cultura unindo a imaxe da lingua propia de Galicia aos valores positivos da sociedade moderna.

O cartel de “FalaRedes 2013” inclúe o concerto familiar “Rosalía Pequeniña”, que percorrerá 40 municipios para dinamizar a lingua por medio da música e da poesía cantada, da man Uxía e de Sérgio Tannus, no ano en que Galicia celebra os 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”.

A música tamén é o fío condutor doutras dúas propostas do programa: “As pombas de Carboeiro” (unha actividade multidisciplinar na que cobran protagonismo as bandas de música municipais e que volverá en outubro) e o musical “A nena e o grilo nun  (barquiño” que, a cargo de Magín Blanco e do Teatro dos Ghazafelhos, vén de concluír unha xira por 18 localidades da RDL). “FalaRedes 2013” incorporará unha quinta proposta despois do verán, que chegará a outra vintena de concellos pertencentes á RDL.

Toda a información sobre o programa e o seu calendario de actividades no web www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R